<<

Stranger Things: Puzzle Tales

Como xa falei na entrada do Dungeon Dwarves, non estou xogando a nada particular estes días. Nunha circunstancia similar co móbil ó meu carón, baixei outro xogo da mesma distribuidora, o Stranger Things: Puzzle Tales. Pero antes de falar del, toca un pouco de historia persoal, como xa ben sendo habitual.

Era o ano 2014, pode que 2015, e eu estaba a xogar ó Terra Battle no meu Android, un dos dous xogos gacha que xoguei na miña vida e o único que penso que tiña certa autoridade moral porque non era agresivo cos sistemas para sacarlles cartos ós xogadores, polo menos dende o meu punto de vista que non lles din nin un can. Ou iso pensaba entón, hoxe non me acercaría nin con un pau, e moito menos sabendo que esas cousas poden ser (e foron!) canceladas cando lles pete, inda que o xogo fora totalmente para un único xogador. Pero volvendo a historia, neses anos dun Xogón máis inocente, tíñalle botado o ollo tamén ó Puzzle & Dragons, inda que non existía unha versión directa para o meu dispositivo. Sempre fun un firme defensor do Bejeweled, e esa mestura con xogo de rol tíñame entusiasmado. Por sorte, coñecendo todas as prácticas anticonsumidor, nunca cheguei a xogalo.

Portada

Se cadra algún día probarei algunha versión consoleira dun Puzzle & Dragons, que supoño que serán máis amables, pero polo de agora contenteime cunha tarde de Stranger Things: Puzzle Tales, que agora xa non admite pagos polo que, en teoria, non debería ser moi terrible. Non obstante, nótase que non fixeron moitos cambios para adecualo a un tipo de xogo máis tradicional e poden apreciarse todos os fíos que tentan atar ó xogador: que si conectarse cada certo tempo para non perder os recursos acumulados, apurar a superar algúns niveis antes de que un portal peche artificialmente, moreas de personaxes para coleccionar e mellorar, un sistema de xogo baseado en números no que tanto os cartos invertidos coma sorte determinan máis os resultade cá habilidade do xogador, etc. Pero claro, ahora o xogo é de balde polo que debería ser máis amigable todo iso e eu estaba disposto a darlle un bo tento.

Resumo

Ou nin tan bo. Cadroume de gardalo no peto e sacalo nunha zona onde non tiña moi boa cobertura no móbil, co cal a pantalla de inicia tardaba moreas en cargar porque semella que tense que conectar ós servidores da aplicación, con todo o que iso implica. Pouco despois deixei unha partida a media e, cando quixen retomala, apareceu unha mensaxe de erro de conexión e mandoume de novo para esa lenta pantalla de arranque. Xogo desinstalado. Non o pasei mal nese capítulo e medio que xoguei. Os combates eran interesantes inda que si que botei de menos eses taboleiros máis grandes do Bejeweled onde había máis oco para a táctica. As diferentes personaxes da serie teñen certo carisma (ou, se cadra é máis a familiaridade coas mesmas) e tiña curiosidade por ver como integraban as súas habilidades dentro do xogo. Mais non puido ser. Se algún día anuncian unha versión totalmente fóra de liña non me importaría probalo de novo, pero inda estamos agardando unha solución similar de man dos creadores do Terra Battle e non vai chegar nunca.