<<

Inazuma Eleven. Capítulo 2

Pasaron varias semanas sen que me atrevese a tocar de novo este Inazuma Eleven, orixinal da Nintendo DS pero emulado na miña Steam Deck. Estaba convencido de que a experiencia volvería ser traumática, en boa parte pola diferenza entre os controis de pantalla táctil de ambos, pero todos os meus medos case desapareceron cando conseguín varias vitorias consecutivas nas primeiras pachangas ó chou desta sesión. Non sei moi ben que cambiou, pero fun capaz de meter goles e dirixir mellor os meus xogadores. ¡Todo parecía que funcionaba! Entón o xogo devolveuma outra vez no primeiro partido oficial do torneo que, ó contrario que nas pachangas, xogábase nun campo completo con 11 xogadores e contra un equipo máis complicado e que, por riba, tiña trucos de dudosa legalidade e deportividade.

Occult

Os do Instituto Occult levaba con honra o seu nome, con xogadores que semellaban pertencer máis a películas de terror que a un anime para rapaces. E o partido parecía máis o guión dun capítulo que algo sacado dun xogo interactivo. Levoume varios intentos acadar a vitoria, quizais pola miña reticencia a facerlle caso a Mark Evans e adestrar máis duro para gañar máis experiencia, pero cada repetición do partido tiña que pasar por estes pasos:

  1. Marcar un gol na primeira parte, algo que non se me dá de todo ben.
  2. Recibir un gol en contra sen que poida facer nada, por motivos da historia. Momento no cal comeza o segundo tempo. Un tempo que non sobra.
  3. Chegar ata a portería rival con Kevin , facer a súa supertécnica e ver como a para o gardametas rival.
  4. Repetir o punto anterior antes de que acabe o segundo tempo para facer a supertécnica combinada que si que rematará en gol.
  5. Non recibir ningún outro gol en contra mentres tanto.

Foi excesivamente cruel, repetitivo e continuador co que observei na miña anterior entrada, mais para nada significativo co que veu despois.

Un tilo

Nos seguintes capítulos non tiven, nin de lonxe, tantos problemas. Cada un consiste en seguir as indicacións clarísimas que saen na pantalla para atopar o seguinte punto de acción, quizais xogar unha pachanga alí, ver algunha escena de como avanza a trama actual, a dos vellos do Inazuma Eleven orixinal e atopar que hai ir de novo ó colexio para non sei que. Todo iso aderezado con pachangas ó chou que xa teño máis que dominadas. E así ata que toque xogar o partido do torneo, quizais con algunha sorpresa ou requirimento do guión pero sen chegar á dificultade do xogado contra o Occult. E todo iso sen facer ningún adestramento adicional máis que un percorrido polo sistema este que empregaba o antigo Inazuma Eleven ou gastando puntos de pasión para mellorar a Axel, o dianteiro estrela, cando paso por diante dalgún e me apetece.

Couce

Porque non cabe dúbida que as mecánicas numéricas de rol son moito máis importantes que unha execución precisa, por moito que tamén axude. Hai un sistema de recrutamento masivo que coido que, polo menos no curto plazo, non compensa, porque as novas incorporacións traen uns niveis moi baixos e, moitas veces, parece que os valores das estatísticas son inferiores ós que tería alguén do equipo inicial. Tampouco semella moi correcto meter xente de fóra do Raimon para gañar máis, algo que semella que non nos fará moita falla agora que xa estamos clasificados para o campionato nacional, pero nunca se sabe. Supoño que seguirá todo máis ou menos igual, inda que me gustaría que baixasen o número de frases e situacións de adolescentes saídos e, por que non, poder incluír algunha muller no equipo sen que sexa para tarefas alleas ó terreo de xogo.

Tórrido

  • Tempo de xogo: 6.5 horas.
  • Nivel: 20.
  • Membros do equipo: 19.