<<

Vampire Survivors. Capítulo 3

Meh.

Cartos

Pouco máis que contar dende a anterior entrada. Conseguín todos os logros, apareceron máis, volvinos conseguir todos, apareceron máis e deixei o contador ó máximo outra vez. Tamén había unha cousa que eran pistas para desbloquear segredos, pero aí xa me rendín e tirei de guías para saber que facer, conseguindo todos menos os dous que requiren un teclado. Ademais diso, o único que me faltaba eran catro entradas do bestiario que non teño pensado conseguir, inda que só serían un par de partidas máis. Xa foron moitas. E, inda por riba, tiven que repetir algunhas porque a aplicación non aguanta ben nun segundo plano e esquece a partida den curso.

Sonic

E, xusto cando cheguei a ese punto, apareceu unha notificación dicindo que o DLC xa estaba dispoñible tamén para Android. Ante esa provocación non puiden máis que desinstalar o xogo. Non penso volver e, se inda así caio outra vez, non teño idea de se terei todo desbloqueado para continuar dende onde o deixara. Pero non me importa de ningún xeito; de feito, case mellor se está todo borrado e quita as posibles futuras ganas. Despois de todo, iríame moito mellor se lle adicase todo ese tempo a aprender a xogar o Go, inda que sen dúbida, requiría moito máis esforzo mental. E xa non falemos da presenza física se quero ir a algún club, claro.