<<

Lovers' Smiles

É complicado agardar algo bo dun xogo que semella un resultado de seguir un video duns trinta minutos sobre como facer un xogo en Unity. Tampouco axuda que en Steam apareza cunha gralla no seu propio título, poñendo Lovers ‘ Smiles no canto de Lovers’ Smiles. De feito non debeu ir moi ben na plataforma porque o xogo xa non esta dispoñible na tenda e os logros non contan para o resumo xeral da miña páxina de usuario. Inda así, adiqueille case dúas horas para completar todos os niveis, e algún momento de xenialidade atopei entre tanta mediocridade.

Rampla

A mecánica é sinxela. Hai dúas bólas, que supoño que serán amantes, que queren xuntarse para darse un bico. Comezan apartadas pero, grazas a nosa intervención creando novos elementos físicos, poderán facer ese desexado contacto. É unha fórmula que xa coñecía dalgún xogo de móbil pero a novidade aquí (para min) é que podemos fabricar eses elementos máis aló do intre inicial, o cal quita bastante elegancia ó deseño e permite tamén ter solucións que involucren presteza, o cal tampouco queda moi claro se é boa idea.

Bambán

Deste xeito, armado co meu dedo na pantalla táctil da Steam Deck, comecei unha viaxe por 100 niveis diferentes inda que non moi imaxinativos, xa que moitos comparten solucións inda que teñan máis ou menos compoñentes espallados. Unha viaxe que, coma xa comentei, fixen na súa totalidade aprendendo o xusto para progresar. Só tirei dúas veces da axuda dentro do xogo (unha sen saber para que era o botón) que, máis que axudar, detalla a solución completa. Ese foi case o único momento que empreguei unha técnica de construcción realmente precisa para un nivel, xa que as miñas enxeñerías ían máis por churros case ó chou que conseguían o obxectivo de casualidade ou aproveitando os raros que facía o motor de físicas. Tal foi a miña falta de mestría, que non aprendín nunca como acelerar unha das bólas dunha posición inicial en repouso de maneira eficiente e reproducible. Foi vendo un vídeo, logo de rematar, cando observei que tiña certo sentido facer algo que non foran liñas rectas para ese fin.

Axuda

Pero tampouco é que precisase moito máis nin que puxese este xogo para exercitar as miñas neuronas, do mesmo xeito que tampouco creo que o fixera o seu desenvolvedor. Todo está moi xusto para un xogo que pretendía ser vendido, dende o menú inicial de escoller nivel, lento e incómodo como el só, ata a falta de pantalla de parabéns unha vez superamos todos os niveis. Que, ademais, por unha mestura desas dúas cousas (e pode que por algún erro de programación), tiven que volver varias veces atrás a escoller niveis anteriores que, polo que sexa, quedáranme sen superar porque nunca me foron ofertados.