<<

Inazuma Eleven. Capítulo 3

O ritmo deste xogo é moi raro. Os últimos catro episodios do mesmo son os destinados ó torneo nacional e teñen unha duración moi dispar. No primeiro desta parte hai que pasear de aquí para aló na procura de certas persoas que nos poderán axudar a mellorar máis o noso xogo. Unha pequena benvida novidade é que non se nos dirixe claramente cara eles, senón que temos algunhas pistas dos homes que buscamos e será a nosa tarefa dar con eles no limitado mundo. No seguinte capítulo hai algo semellante porque temos unha chave misteriosa que abre unha porta “que antes non se podía abrir”, e tamén teremos que tirar de exploración ou, no meu caso, de memoria, para dar coa localización da mesma. Todo iso mentres paseamos pola cidade atopando pachangas ó chou que nos ralentizarán e, ó mesmo tempo, melloraran as cualidades do noso cuarteto asignado. Non obstante, os dous últimos volven á rutina de seguir as frechas e, sen saírme do rumbo marcado, só tiven unha pachanga entre os dous. Iso non quere dicir que fora rápido, xa que había moita exposición para ver, rúas para percorrer e texto para ler.

Lamentable

De feito, o meu maior medo no partido final era perdelo e ter que facer otra vez todo o percorrido expositivo coas tres rapazas que por fin fixeron algo máis aló de organizar o equipo, inda que dende o punto de vista xogable só tiven que ir onde quería o xogo en cada intre. Por sorte, inda que tomei malas decisións á hora de administrar os puntos de técnica, conseguín só encaixar un gol na primeira parte e rascar un empate 2-2 antes do final da segunda. Non daba un can por iso, pero houbo unha primeira prórroga que viu un gol de cada equipo e unha segunda na que conseguín a vitoria por dous tantos de vantaxe. Foi o máis emocionante de todo o xogo, por moito que o medo da derrota simplemente existise por non ter que repetir todas esas longas escenas fóra do campo.

Fóra de xogo

A novidade dese partido é que na primeira parte os rivais eran case imbatibles, tendo que agardar ata a segunda para poder plantarlles cara con posibilidades. Foi entón cando lembrei que hai algúns obxectos para recuperar folgos e os puntos de técnica, pero semella que non se podían empregar durante o partido, o cal semella xusto pero tamén moi limitante; non explorei absolutamente nada ese sistema polo que é probable que se me pasase algo. O que penso que é certo é que, en todo este tramo, este foi o único partido con regras especiais debidas á trama. Se ben nos primeiros partidos sempre había algún detalle da historia que condicionaba o xogo, foi algo que non volveu aparecer nesta segunda metade da aventura. Polo menos compensaron incluíndo equipos rivais que non facían trampas por riba de todo e que, ademais, estaban compostos por xogadores honrados que non tiñan problema en felicitarnos pola nosa vitoria sen ameazas de morte nin nada parecido.

Cebolas

Porque o resto da historia é realmente escura para algo que semellaba ser o típico anime de nenos. Xa vivira algunhas planificacións de sabotaxes que, se chegan ter éxito, poderían ter sido fatales. Pero nos compases finais revelouse que ata houbo un asasinato consumado polo antagonista principal. E todo iso mentres Mark Evans, neto do asasinado, buscaba por todos os medios mellorar no terreo futbolístico para gañar e… xa se sabe, ser o mellor. Porque por moita supertécnica que aprenda para o terreo de xogo pouco pode facer se alguén estoupa o bus no que viaxa. Ó final todo conflúe e o malo é arrestado ó mesmo tempo que o equipo protagonista obtén a vitoria. Xogo rematado. Obviamente hai contido adicional, como esa idea que tiña eu de buscar algunha rapaza xogadora, pero será máis do mesmo e creo que non moi interesante.

Fin

  • Tempo de xogo: 12 horas.
  • Nivel: 32.
  • Membros do equipo: 22.