<<

Pineapple on pizza

Eu non son de entrar en debates sobre se a tortilla debe levar cebola ou se a piña é unha boa idea nunha pizza. Tampouco son de bulir cara a estrea do momento. Mais neste caso xoguei a un xogo que aglutina ambas cousas, xa que é a primeira vez na miña vida que non pasan ni dous días dende que un xogo é publicado ata que teño completado o 100% do mesmo. Tamén é certo que este Pineapple on pizza foron tan só trinta minutos de paseo, obtendo dous finais non moi diferentes e material rápido para esta páxina que leva cinco anos con actualizacións semanais. Outra cousa é que sexa material bo.

Familia

A parte xogable é case puramente exploratoria, cos controis de movemento e cámara típicos de primeira persoa e sen máis accións posibles. Deste xeito podemos observar toda a illa na que se desenvolve o xogo e gozar cos seus diferentes e danzantes habitantes. Ata onde eu vin, só podemos interactuar en dous puntos moi concretos: na barra de limbo, arruinando a diversión, ou caendo ó volcán, tamén arruinando a diversión e lanzando a secuencia que pon punto final á partida. Fixen isto último dúas veces, a primeira por casualidade e a segunda adrede, buscando o logro de escapar da terra.

Pizza

De seguro que sairán moitos análisis deste xogo de modo. A meirande parte serán de brincadeira, e algún outro indagará no sentimento máis profundamente arraigado de colonialismo na cultura occidental. A min fíxome pensar que quizais o debate da piña na pizza estea mal enfocado e se a verdadeira pregunta tería que ter sido se, máis ben, é a pizza a que estraga a piña e non o revés, como se soe argumentar. Aí queda.

Logo