<<

Worms 3

Descubrín a saga Worms coa demo do Armageddon, botándolle moitas horas ata que merquei o World Party. Con esa nova edición aprendín as utilidades e danos de cada arma e tamén moitas técnicas máis avanzadas nas partidas en liña. Na WormNET deixaba as partidas tradicionais, coas que xa disfrutaba fóra de liña cos meus amigos, e buscaba modos máis exóticos coma o “Shopper” ou o “Roper”. O meu manexo da corda ninja non era tan bo como o da élite contra a que, ás veces, competía, mais resultaba abondo para vencer ós menos experimentados ou para rir cos fracasos. Todo o aprendido tivo unha nova aplicación nos meus tempos universitarios, pero a memoria muscular non se transladou tan ben para o meu reencontro no Worms 3 na pantalla táctil do meu Android.

Escopeta

O primeiro inconvinte xa o vin nada máis chegar ó terreo de guerra: o nivel de zoom estaba moi alonxado e non permitía achegalo a un punto que me resultase cómodo. Mira que este é o móbil con máis pantalla que tiven, por moito que hoxe en día non destaque por esta razón. Pero, se cadra porque a resolución non é moi aló, diume sempre a impresión de que estaba a forzar a vista e limitábame as partidas consecutivas para non estragala (máis). A segunda desvantaxe da plataforma xa era agardada: os controis de botóns virtuais non son o meu e fixeron que moitas veces non me atrevera a facer movementos moi elaborados.

Zoom

Deste xeito, pouco a pouco e sen xogo bonito, fun superando todos os niveis da chamada campaña, que non era máis ca unha serie de batallas tradicionais contra vermes de dificultade crecente. Amáis da estratexia e táctica habitual do xogo, tamén resultaba importante identificar o equipo inimigo máis perigoso para dar conta del o antes posible, xa que as capacidades de cada un variaban enormemente dende poder causar dúas baixas con pouco esforzo ata estoupar eles mesmos. Algunhas batallas leváronme máis tentos e moitas foron as que superei á primeira, pero ningunha quedou para o recordo porque todas eran moi semellantes e sen novidades salientables. A única sorpresa é que o xogo decretou que xa rematara a campaña cando inda faltaban algúns niveis por superar, pero supoño que foron añadidos con posterioridade ó lanzamento orixinal. Tampouco foron nada especial e, logo de telos vencido, penso que inda quedaron armas sen ser nunca ofertadas, pero non o teño claro de todo.

Dinamita

Supoño que ese modo para un único xogador estaba pensado coma un quecemento para o multixogador. E, contradicindo toda a miña vida lúdica dos últimos anos decidín darlle un tento para pechar a experiencia, inda que tampouco tiña moitas ganas de probar o tema das cartas que, sen dúbida, son unha escusas para meter un compoñente de pagar-para-gañar que non encaixa nin un pouco coa filosofía da franquía. Pero, nada máis crear a partida e ir colocar o meu primeiro verme no campo de batalla, meditei sobre o que estaba a punto de facer, abandonei a partida que nin sequera empezara e desinstalei o xogo. De seguro que os meus ollos agradeceran tal decisión.