<<

Bamba

Este Bamba é un deses xogos para Android que apareceron na miña conta de Amazon cando querían atraer público para a súa tenda de aplicacións particular. Atopeino na miña conta cando andaba na procura de algo para pasar unha hora, e fun capaz de superar os 25 niveis neste tempo, e inda sobraron minutos para pensar de pagaba a pena escribir unha entrada sobre el ou non.

Bravo

Porque tampouco hai moito que contar. Trátase dun xogo dun único botón que fai que vaia para diante o protagonista no seu monociclo, mentres que non premelo lévao no sentido oposto; se cadra sería un xogo interesante de portar á consola esa que se manexa xirando unha manivela, pero non estou nada posto nas ideas que saen para ela. O caso e que, movéndonos adiante e atrás, temos que esquivar os obstáculos un tempo determinado sen chocar contra nada para superar o nivel. Todos teñen partes móbiles que haberá que anticipar para atinar cos desprazamentos, inda que, nalgúns casos, sexa precisa certa memorización para facelo con garantías.

Pelota

Polo xeral non tiven moitos problemas en case ningún desafío, agás os que tiñan algún compoñente que se movía nos tres eixes tridimensionais ó mesmo tempo, xa que me resultaba moi difícil saber en que posición estaba respecto do funambulista. No penúltimo tiven o maior atranco, inda que non pasou dun puño de minutos adicionais. O tema era que o artiluxio dese escenario precisaba, amais de facer os movementos correctos, cruzar os brazos nuns intres determinados. Iso era unha animación que nunca entrou en uso anteriormente e que non tiña claro como conseguir. A base de memorizar a execución, e cun pouco de sorte e improvisación, superei o límite de tempo necesario. O derradeiro nivel non foi máis ca un trámite, coma a última etapa do Tour.

Completado