<<

Torchlight 2. Capítulo 1

Cando saíu este Torchlight 2 atopábame nunha etapa de moitos cambios. Entre outras cousas, deixara atrás o League of Legends e tiña novas responsabilidades fóra dos xogos. Todo uniuse para que mercara esta reimaxinación do Diablo 2aproveitando as oferta de lanzamento, e iso que o Torchlight orixinal collía po sen seren nunca aberto. Nos días seguintes avancei polos catro actos, con obvios paralelismos ó material inspirador, manexando unha personaxe de ataques a distancia. Ó rematar, ollei as guías doutros afeccionados e comeceia unha nova aventura na dificultade de veterana cunha feiticeira que abusaba duns mísiles máxicos que perseguían os inimigos. Foi esaxeradamente efectivo e aburrido, pero conseguín aguantar ata superar o xogo. Despois tentaría xogar nas dificultades máis elevarase en modo incondicional, o que resultaba inexorablemente nunha morte moi cedo e o xogo aparcado durante unha semana máis.

Mortes anteriores

Iso ata que finalmente foi aparcado durante case unha década, ata que decidín darlle un novo tento para ver como sería este xénero na Steam Deck. Escollín unha enxeñeira de nome Branca e pel negra, pensando en especializala en invocacións para paliar as dificultades que puidese atopar no manexo. Existe unha distribución de controles oficial, pero non ten soporte dentro do xogo, polo que ten que recorrer a trampiñas para implementar cousas como desplazarse coa panca esquerda. Unha vez pasadas as dúas primeiras horas funciona de maneira aceptable, inda que hai que interiorizar o funcionamento interno do mesmo para conseguir os nosos pequenos obxectivos en cada intre. Tamén é case imprescindible cambiar algúns atallos para que a experiencia non sexa tan miserable e non foi mala idea a de escoller poucas habilidades, varias con tempos de carga longos e unha arma poderosa a dúas mans que faga dano en área. Deste xeito non precisaba moita habilidade manual e podía gozar aniquilando mecos con pouco esforzo.

Lume

Con tan pouco esforzo que puiden percorrer os dous primeiros actos a todo filispín inda que estivese niveis por debaixo do recomendado. No terceiro decidín afrouxar un pouco o ritmo e explorar máis, non fora a ser que esa diferenza seguise acrecentando ata volverse insufrible. Non foi así, e o cuarto acto paseino evitando todas as loitas superfluas e mercando pocións por vez primeira para compensar todos os golpes que estaba a levar de maneira gratuita. Pasei entón polo trámite dos xefes finais sen moito problema, inda que boa parte das habilidades que decidín mellorar ían enfocadas a deixar panocos ós monstros para darlles máis fortes mentres non podían facer nada. Unha estratexia tan válida contra os inimigos normais coma contra moitos campións, un caso que resultaba especialmente satisfactorio, pero estes xefes especiais con letras douradas eran totalmente inmunes. Por sorte atopara unha gran espada única a dúas mans que me serviu durante máis da metade do tempo de xogo, sendo mellorada nos compases finais por un machado non moito máis poderoso inda que tivese vinte niveis de diferenza.

Velocidade

No canto dos atributos repartín entre forza e vitalidade segundo estimaba oportuno en cada intre. Non tiña previsto máis que completar o xogo unha vez na dificultade básica, polo que non me parei nin a gardar obxectos interesantes que ía atopando nin tampouco collín nada do baúl partillado, gastando os cartos e as xemas para obter poder o antes posible no canto de empregar tempo en garantir que son opcións óptimas. Tampouco lin nin unha liña de diálogo ni de misión máis aló de entender o obxectivo, que xa é sinalado no mapa automaticamente, e o mesmo saltando as pequenas animacións entre actos para volver á acción o antes posible. Foi toda unha fantasía de poder moi cómoda, desas que non esixen moito nin deixan moito pouso, algo totalmente válido para un xogo deste xénero. Se cadra para a próxima miro como vai iso das modificacións, e así compor unha experiencia inda máis satisfactoria.

Estatísticas