<<

The Legend of Zelda: Majora's Mask. Capítulo 1

Resultoume satisfactorio poñerlle título a esta entrada. Inda que non é o meu obxectivo, podo poñerme no punto de vista dalgún lector que pense que, por primeira vez en anos, vou escribir sobre un xogo que lle interese. Polo menos é un xogo sobre o que me gustaría aprender, porque non sei case nada sobre el, pese a ser unha secuela directa a un dos xogos máis louvados da historia. Lembro xogar co meu amigo de ollos azuis ó Ocarina of Time, pasando moitas tardes simplemente pescando ou explorando o mundo. Seica un día alugou o Majora e non lle gustou nada, non había loitas e, ó pouco de comezar, a partida remataba sen que o puidese evitar. Eu non estaba alí para axudar, inda que fora con ánimos, pero a súa breve crónica sempre inundou os meus pensamentos sobre esa entrega. Máis de vinte anos máis tarde decidín aproveitar a miña ignorancia para experimentar pola miña conta ese comezo e ter así unha opinión propia sobre esas 72 horas virtuais.

Amencer

Decateime, xa no comezo, que o xogo é bastante escuro. Non comezamos nun alegre bosque cheo de amigos, senón nunha foresta tebrosa na que somos atacados sen podelo evitar por un pequeno demo que, ademais de roubar a prezada ocarina do protagonista, o converte nun monstro non moi atractivo, inda que con novas habilidades. Desa guisa conseguín chegar ata Vilarreloxo e que comezase a contar o tempo. Tiña 72 horas para desfacerme do Neno Tarambaina ese e volver a ser humano coa axuda do mercador de máscaras. De primeiras pensei que sería tempo abondo para facer o primeiro ciclo, polo que fun explorando un pouco, sen présa pero sen pausa. Non conseguira sequera atopar a fonte da fada cando xa deu o segundo día e púxenme máis nervioso. Dende aí foi toda unha carreira constante para chegar ata ós sucesivos avances, suando un pouco no caso de atopar os rapaces eses que teñen o atallo para fóra da cidade. Con todo, tiven que esperar na última noite para que se abrise o reloxo e acceder á escena onde obtería o control da ocarina e a canción do tempo. Primeiro bucle completado! Inda que houbo certa confusión co mercador, agora o protagonista é un neno outra vez e poderá seguir coa misión.

Canción do tempo

Non foi tan terrible, pero supoño que pode ser moito se non o intentas máis dunha vez e non estás acostumado a ler cunha pouca atención; e o de non poder gardar a partida neste tramo tampouco axuda. A herdeira espiritual de Navi foi de certa axuda, pero supoño que se volverá máis molesta cando simplemente queira seguir o ritmo da aventura. Agora, libre das ataduras temporais, terei a posibilidade de tomalo con máis calma, explorar e gastar os cartos atopados nas herbas en todos eses xogos da cidade que semellan estar feito para sacarlle as rupias ós cativos, polo menos os que me deron tempo a probar no primeiro primeiro día. Sendo este o segundo Zelda tridimensional, tanto da historia global coma da miña historia particular, teño unhas expectativas cautas pero positivas. Non agardo unha gran xoia oculta pero penso que as comparacións negativas có Ocarina que recibiu no seu día serían máis froito dunhas expectativas irreais ca doutra cousa. Polo de pronto, recoméndolle ó meu vello amigo de ollos azuis que lle dé outro tento a esta primeira volta, inda que sexa para sacar a espiña.

Link cativo