<<

The Murder of Sonic the Hedgehog

Tentei xogar unha vez a un Ace Attorney nunha Nintendo 3DS moi amablemente prestada. Déuseme moi pero que moi mal. Non sei se ese día andaba canso, quería probar o xogo máis rápido do debido ou xa estaba pensando nese Shin Megami Tensei: Devil Survivor que tiña o meu carón. Pero o caso é que non me decatei de nada. Penso que tiña que defender ó meu inocente cliente nun caso moi sinxelo, pero non era capaz de atinar nas probas que o demostraban. Porén, acabei perdendo a parte titorial do xogo dúas veces seguidas e sen ánimos de probar máis. Pero o mes pasado publicaron este novo misterio onde temos que investigar o asasinato de Sonic e puxen as mans no caso, disposto a facer de Watson para Tails Holmes. E nin tan mal.

Xog

A pesares do título, eu non tiña nin idea de que se trataba de un xogo con compoñentes de investigación. O recordo do Ace Attorney estaba tan presente na mente coma lonxano no tempo, polo que cheguei con moitas dúbidas de min mesmo ó primeiro interrogatorio da aventura. Semellaba doado, pero logo de escoller a proba que eu pensaba que explicaba todo, comezou un minixogo que parecía como un castigo por non ter acertado. Mais non era así: as miñas accións eran axeitadas pero hai que completar esa recolección de aneis obrigatoriamente trala presentación de cada unha. Un pouco repetitivo, alleo ó resto do xogo e demasiado empregado no tramo final. Tamén é certo que é un xogo de balde de menos de dúas horas, polo que esa extensión engadida é parcialmente comprensible. E tamén ten uns axustes de dificultade/accesibilidade moi ben pensados, así que lle vou dar o minipunto, por moito que quixera que esa mecánica fora máis variada no tramo final.

Tren

A parte máis de novela visual, consistente en explorar, falar e interrogar, é a que leva a metade do peso do xogo. A outra metade case vai nas personalidades das amizades de Sonic, inda que a boa parte non as coñecía e moitas estean interpretando un papel na festa de aniversario de Amy. En boa parte son caricaturas, polo pouco texto que teñen, pero agradoume coñecelas un pouco máis roubando algo con Rouge (que a coñecía de xogar con ela case todo o Sonic Battle), sospeitar de Shadow ata que entendín as súas motivacións ou facerlle unha coartada a Espio antes de acertar a acusalo formalmente nos compases finais da investigación. Este último evento foi toda unha sorpresa para min, xa que penso que apenas tiven dous erros en todas as eleccións de pistas e acusacións. Ou, polo menos, Tails só freoume un par de veces dicindo algo como “iso non era o que eu agardaba”. Se cadra foi un bo adestramento e xa estou preparado para un Ace Attorney ou similar. Non sei eu, pero, como mínimo, máis esperanzas abofé que tería.

Knuckles