Panzer Dragoon II Zwei
Un par de anos despois do meu paseo polo Panzer Dragoon Mini, decidín volver á Sega Saturn virtual co xogo que comezou toda a saga. Ese primeiro Panzer Dragoon non resultou precisamente como agardaba: era difícil e os gráficos tan crus que daban dor de cabeza. Non me estenderei máis porque, se cadra, podo retomalo e adicarlle unha entrada propia, pero o Zwei e, sen dúbida unha experiencia moito máis pracenteira. O que me chamou a atención nada máis comezar foron os gráficos. Aquí xa podemos discernir mellor a paisaxe e os inimigos, xa que conta co dobre de resolución e un 50% máis de imaxes por segundo có seu predecesor. Obviamente non son unhas imaxes tan nítidas como as que podía ter nos meus falsos recordos de hai 25 anos, pero resultan misteriosamente agradables e relativamente limpos para todo o movemento que inclúen. Volver ver ese comezo do terceiro episodio, o único que incluía a demo viña coa miña consola, foi toda unha marabilla nostálxica.
O que botei de menos deses tempos foi o memorizado que tiña aquel episodio, no que era capaz de eliminar todos os inimigos do nivel sen recibir danos e sabendo onde xirar para cambiar de camiño. Esta semana, con moitos máis niveis e menos preparación, tiven que improvisar e ata fracasar e repetir algún nivel antes de superalo; por sorte neste non temos que comezar dende o comezo como no anterior. O único episodio onde tiven máis dun reintento foi no penúltimo, porque o comezo é moi caótico e non entendín moi ben o xefe final. A media ducia de mortes aí debéronse a que intentaba facerlle dano co láser do dragón, xa que o único intento no que empreguei a pistola do humanoide obtiven unha vitoria moi rápida. Se cadra o resto de xefes e inimigos máis fortes que superei para chegar ata ese punto tamén terían sido despachados moito máis rápido se non empregase tanto os láseres automáticos. Pero, non sei, son moito máis elegantes, únicos e divertidos de empregar cá pistoliña.
Nunca me gustaron moito os xogos estes tridimensionais de disparos en terceira persoa, coma o Space Harrier ou o Super Thunder Blade, pero penso que aquí o de poder cambiar o punto de vista e o variado dos niveis e xefes fan que sexa unha boa excepción. Tamén axuda que non sexa moi complicado, permita repetir os episodios fracasados e que en menos de dúas horas exista unha experiencia completa aderezada cun misterioso mundo de fantasía. Se quixese profundar máis podería tentar acadar os outros finais, que requiren destruír todos os inimigos en cada nivel, inda que non creo que me decatase de moito se os estudosos da saga tampouco son quen de aclaralo. Non me vou meter nesas leas, inda que me gustaría precisamente saltar ó Panzer Dragoon Saga algún día, xa que nunca cheguei ó final nos meus tempos mozos.