<<

The Legend of Zelda: Majora's Mask. Capítulo 3

Supoño que hai varios ritos de paso neste Zelda, e neste terceiro tramo xa pasei por un par deles, para o meu pesar. Ambos teñen que ver con volver ó primeiro día, as cousas que se gardan (ou non) e o respecto polo tempo do xogador. Polo de agora non pasei polo rito definitivo: forzar a máquina e non tocar a canción do tempo antes do final do terceiro día, algo que sería especialmente fatal no meu caso porque non emprego o de gardar temporalmente nos mouchos, así que perdería todo o obtido no bucle, máis alá do coñecemento, claro. Ou iso é o que creo, polo menos. A verdade é que non teño nin idea do que pasaría, pero eu póñome no peor caso e fago iso de premer o botón antes de que as contas atrás cheguen ao cero.

Conga

Logo de mercar a bolsa de bombas, obter a máscara do heroe goron, aprender o arrolo que os durme, atopar a entrada ó alxube xeado de Cabezaneve e algunha outra cousa que xa esquecín entre medias, pois xa era tarde abondo para comezar a resolver Cabezaneve. Decidín entón viaxar atrás no tempo, ralentizar a pasaxe do mesmo e voar ata a base do alxube para emprender a súa solución. Esa mesma solución que comezaba cun salto goron que moitas veces tiven que repetir por estar perdido no alxube ou, máis a miúdo, por fracasar nesa pequena proba de habilidade. E, con cada chimpo, pasaba o tempo tanto dentro coma fóra do xogo. Cando xa tiña todo para loitar contra o xefe final faltaban cinco horas para o fin do mundo. Non quixen arriscar e din outra volta no eterno e grácil bucle. Deste xeito, con tempo de sobra, podería vencer o novo coloso e avanzar máis na trama.

Boca abaixo

O que non contaba, inda que ten moito senso, é que o alxube volvería tamén ó seu estado inicial. De nada serviron todas esas portas que abrín con chaves descartables, as fadas que atopei ou os novos camiños que deixara preparados. Ante un evento así, de perda de traballo, xa sexa nun xogo ou noutro proxecto, a miña mente sempre sinte unha reticencia a facelo de novo; é unha gran bagaxe psicolóxica da que non me consigo desprender. Mais, na meirande parte dos casos, unha vez superada esa barreira virtual atopo que volver ata o punto anterior non é tan duro, xa que podo ir directo ó resultado final sen moita da investigación e fracasos previos. E foi exactamente o que pasou aquí no día seguinte, especialmente reforzado porque, coas frechas de lume na miña alxaba, non tiña necesidade de pasar por boa parte das salas. Logo dalgúns poucos saltos goron fracasados, conseguín chegar de novo ata a última sala e dar boa conta do inimigo final.

Lente verdade

Co inverno finalizado era un bo intre para explorar as novas posibilidades. Todo apuntaba a que a carreira dos goron era un bo punto de partida, polo que abrín o camiño ata alí e conseguín a vitoria tras uns vinte tentos. A recompensa era un po de ouro que me serviría para mellorar permanentemente a miña espada. Para iso primeiro tiña que aplicarlle un tratamento efímero, o que tomou un día, para logo facer o definitivo. Pero o da forxa dixo que non era posible porque saía fóra do rango de tres días (non con esas palabras, claro). Polo que viaxei atrás no tempo e… nin espada tratada nin po de ouro. Tería que repetir outra vez a carreira, gañando no primeiro día para ter tempo abondo para conseguir esa espada definitiva. E claro, nin sequera sei se a mellora viaxará no tempo co protagonista ou se só servirá para ese último día, polo que quizais tirarei de mirar en internet antes de pensar sequera en repetir a carreira [si que se garda cando se emprega a canción do tempo, o que fai inda máis confuso que se perda o estado intermedio].