<<

The Legend of Zelda: Majora's Mask. Capítulo 4

Deume moita preguiza comezar esta nova serie de sesións. Sabía que quería conseguir a espada esa mellorada eternamente pero non tiña moitas ganas de repetir a carreira precisa para comezar os trámites. Pasaron varios días nos que xoguei outras cousas antes de decantarme por volver a esta estraña versión de Hyrule, xa con ganas de facer a maldita carreira e quitarme esa tarefa da mente. Curiosamente, as ganas superaron á preguiza mental cando me decatei de que, ademais, tería que repetir o alxube de xeo para que volvera a primavera á terra dos goron, para logo coller de novo o barril que serve para estoupar a pedra que bloquea o acceso á carreira. E mencionei xa que ese barril estoupa automaticamente tras certo tempo e temos que carrexalo con présa ata aí? Diría que non, porque xa me esquecera. Pero puxen mans ó porco, vin que nos alxubes xa resoltos podemos saltar directamente ata o xefe final e, con todo, non foi para tanto: conseguín a pó de ouro logo dunhas poucas carreiras. Agora bastaba con agardar para conseguir esa poderosa espada prometida.

Espada dourada

Aproveite o tempo explorando o pequeno mundo, que claramente estaba a pedir que atopara un cabalo. Había unha gran pedra na ruta cara un rancho e, non sei ben por que tanto, pero sorprendeume que ese camiño crítico para superar o xogo requirise un deses barrís xigantes, ante todo porque pode ser algo afanoso de conseguir, como xusto tiven que demostrar. No rancho é case directo volver con Epona, hai unha misión de aniquilar alieníxenas pola noite que é máis longa que difícil e pode que algunha cousiña secundaria máis, pero eu estou contento con poder chamar a egua sempre que queira e cunha botella adicional que me será bastante útil pouco máis adiante. Porque coa besta xa puiden acceder á praia e atopar un zora moribundo que se converteu en máscara. E con esa máscara puiden explorar novas zonas, gañar unha carreira de natación, acceder a unha fortaleza de piratas que agochaban catro ovos zora que etcétera, etcétera, leváronme ao terceiro alxube do xogo. Como non podía ser doutro xeito, é un alxube acuático que me ocasionou un ataque inmediato de preguiza, xa que semella complicado de navegar e non tiña a mente para moito máis esforzo. Xa veremos cando volvo.

Nadar

E, a todo isto, eu estou a seguir o camiño lóxico que propón o xogo en base aos seus obstáculos e obxectos, pero tampouco teño moi claro o por que. Anda por aí o neno trouleiro, pero só recibiu atención no primeiro bucle e non sei que preciso para o encontro final con el. Dos gardiáns estes que estou a liberar tras cada alxube penso que vin unha pequena narración, pero ou non lembro que contaban ou era todo moi difuso. Agora mesmo tampouco confío en demasía no comerciante de máscaras, que ata agora foi amable pero é o típico que acabamos axudando no seu maligno plan e remata sendo o verdadeiro xefe final malo malísimo. Nin idea, a verdade. Tampouco sei se Zelda, Ganon ou o Triforce terán un protagonismo posterior ou se este xogo vive un pouco á marxe de todo iso, como ten traza. Supoño que, cando atope forzas, seguirei co alxube afundido, para logo atopar o camiño ó volcán e xa veremos o que atoparei unha vez solventados eses catro principais.

Guitarra