The Legend of Zelda: Majora's Mask. Capítulo 5
No Ocarina of Time hai un templo acuático que é infame polo labiríntico dos seu deseño. Non obstante, a lembranza que teño eu é algo diferente porque, inda que si que atopei pouco ergonómico o de equipar e desequipar constantemente as botas pesadas, non tiven pesadelos coa súa arquitectura; nada que ver con aquela terrible loita contra o Link escuro. Con todo, tiña un pouco de medo a enfrontarme a unha posible reedición máis complicada neste Majora. Nalgúns intres sinto como que este é un xogo non oficial feito por afeccionados, e que fixeron o que puideron para elaborar esta épica, polo que unha homenaxe a ese sentir xeral de dificultade non estaría fóra de lugar. Pero a realidade non foi tan cruel, e logo de entender o mecanismo de progreso coas válvulas, simplemente era cuestión de visitar as diferentes estancias na orde correcta. Iso non quere dicir que non me perdera algunha vez por non prestar atención, e agradezo a miña boa vista de viaxar atrás no tempo unha vez para que me dese tempo a completalo nese segundo paseo, porque o xefe tiña esas mecánicas tan pouco fiables que soen aparecer en deseños non moi finos.
Cos deberes feitos, e reencontrado cos Indigo-Go’s, vin que había mencións a unha canción non coñecida na sede deses zoras, pero decidín pasar de todo, cruzar os dedos e agardar que non fora nada crítico para completar o xogo. A miña intuición para detectar esa ruta crítica non está ben sintonizada. Sen ir máis lonxe, estiven a punto de pedir axuda cando atopei as seguintes liñas de progreso aparentemente bloqueadas:
- Hai unha casa cunha nena e un pai que non permiten entrar. Seica a nena sae cada dous minutos do fogar cara un pozo se non hai espíritos o seu redor, pero por máis que mataba aos remortos, e ata os paxaros que se aproximaban, a cativa non quería saber nada do exterior.
- Hai un manancial que podería activar a casa da rapariga, pero o pantasma que a protexe causa un dano constante e non hai maneira de evitalo. Agás polas pistas que fan referencia a unha canción que non coñezo.
- Hai unha canción nunha sepultura, segundo a súa propia lápida, pero non vexo a maneira de desprazala nin teño unha pala. Os esqueletos que vixían non parecen ser de axuda.
- Hai unha carreira contra un esqueleto xigante que é bastante complicada e lenta de repetir, polo que ten pinta de ser totalmente opcional.
Obviamente estaba trabucado nese último punto, algo que vin de maneira moi directa cando examinei o tesouro da carreira e distinguín que era dos grandes dourados que agochan obxectos importantes. Logo de perfeccionar a técnica da carreira, sabendo que o tiña que facer si ou si, non tardei en bater no pobre esqueleto xigante, desbloqueando unha máscara nova. Con esa máscara puiden ir fervenza arriba (figuradamente) nas pistas que escribín antes e, coa fervenza baixando (literalmente), a nena saíu da casa cara o pozo e xa non estou nada bloqueado. De feito, teño pensado poñerme cando poda para investigar un pouco máis ese pozo tebroso e o último dos templos coñecidos: o de pedra. Unha vez solucionado, supoño que xa virán as grandes revelacións da historia e entenderei que se require para saír deste mundo terminal. Pero iso é poñer o carro antes dos bois, e este carro vai moi a modo.