<<

Book of Demons

Hai que ler moi ben a descrición deste xogo nas tendas para entender de que vai. Unha ollada rápida levoume a pensar que se trataba dunha mestura de Diablo con xogo de cartas, entre outras cousas porque así sae etiquetado, pero o tema das cartas é algo moi secundario. Basicamente funcionan coma unha versión simple de inventario que limita os obxectos e habilidades equipadas por número en lugar de por categoría. Deste xeito, teremos que escoller entre levar posta a armadura ou as botas, tendo en conta ademais que todas as equipacións limitan o maná destinado ao emprego de habilidades activas. En principio, podemos trocar as cartas equipadas en calquera momento, e o tempo ralentízase abondo para dar marxe, pero na práctica atopei o manexo bastante pouco ergonómico cun mando, inda que si conseguín equipar e empregar unha poción curativa no medio dunha lea bastante grande e así garantizar a supervivencia do meu guerreiro. Supoño que con máis horas de xogo, e empregando esa función de equipación alternativa que non sei como funciona, podería axilizar o proceso, pero non creo que o volva tocar.

Inmune

Porque, inda que nin me amola nin me deixa de amolar o tema das cartas, o resto tampouco axuda moito. O protagonista móvese unicamente polas carrileiras dispostas para tal fin, inda que os inimigos e os ataques non teñen tal limitación, o cal resta elegancia e causa algunhas escenas curiosas, como non ser capaz de esquivar unha frecha que se despraza ata nós sen percorrer todo o cuarto na procura dun xiro. Ou seguir camiñando mentres prememos repetidamente o botón de ataque e os inimigos van morrendo. As posibilidades estratéxicas, en moitos casos, son bastante limitadas, polo menos ata que aumente as opcións das habilidades dispoñibles. Un caso común é atopar unha enchenta de monstros tras unha porta, e o mellor plan de acción que atopei para ese escenario consiste en entrar, golpear ao chou un pouco e retirarme a lamber as feridas. Lamber e repetir. Non axuda que a única activa que levo equipada sexa un golpe singular con posibilidade de atordamento, moi útil contra os inimigos máis fortes pero nin tanto contra eses amontoamentos tan comunes.

Tiro

Pero, en realidade, eses detalles tampouco me estragaron o xogo por si mesmos. Hai un intento de engadir variedade e habilidade con certos inimigos que requiren premer outros botóns ou empregar outras tácticas diferentes pero, inda con esas, o resultado non é moi divertido de xogar. Amais, cheguei a completar o primeiro acto de tres e non sinto que teña ganas de ver novas habilidades, subir niveis ou mellorar o equipamento, o cal xa é unha condena para ser desinstalado case seguro. Coido que prefiro continuar con un xogo de corte máis diablesca tradicional, como pode ser o Torchlight 2, que seguir explorando andares subterráneos desta catedral. Por moito que poda definir EU (maiúsculas coma na páxina de descrición) a duración das incursións, que pode soar ben en papel pero que é facilmente substituíble por un sistema de gardado normal.

Flexiscope