<<

The Legend of Zelda: Majora's Mask. Capítulo 6

Anteriormente, en “Xogón xoga o Majora”, o noso protagonista tivo un gran avance no fío principal do xogo tras descubrir que os cofres dourados son, a miúdo, indispensables para o progreso, inda que veñan de misións que non semellan ser parte da trama central. O episodio de hoxe, xa comeza con ese mesmo Xogón tirando dunha guía por un motivo relacionado e dobre: primeiro para saber se a longa secuencia de trocos do pozo é precisa para rematar o xogo (abofe que é), e logo para saber a que obxectos se referían nalgúns casos. Polo camiño tamén aprendeu que non era preciso abrir todas as portas e que os peixes poden ser pescados cunha botella, xa que nin lembraba da existencia desa forma de vida. A partir de aí, até o final do xogo, foi doado, pero estendeuse moito no tempo pola preguiza/medo a enfrontarse a novos desafíos que requirisen darlle á súa cabeza.

Cabeza lúa

Continúo en primeira persoa para non facer isto máis raro do preciso. Unha vez superado o pozo, o que máis me amolou foi a cancionciña de deixar unha estatua no sitio. Non teño problema coa idea da mecánica, inda que o de premer lousas no chan non sexa a idea máis excelente para aproveitala, pero a implementación é penosa. Hai que camiñar ata a baldosa, esperar a que a pedra se coloque no seu novo logar, escoller a máscara para equipar, sacar o instrumento musical, introducir as notas, agardar que remate a elexía, ver a animación da creación da estatua e, logo de todo iso, repetir dúas veces máis para facer unha ponte nunha secuencia totalmente non-crebacabezas. Hai un pequeno xiro antes da entrada ao Templo de Pedra, no que a orde importa, pero só fai que a experiencia sexa inda máis lamentable. Por sorte, unha vez no interior do mesmo, só hai que facer algo similar unha vez, non é especialmente molesto con animacións intermedias e, amais, pode ser trampeado cunhas caixas. Mais o verdadeiro xiro do templo é literal, xa que o chan e o ceo trocan as súas posicións para xerar novos camiños. Non é algo que se poda activar baixo demanda, só na entrada do edificio e para algúns crebacabezas en particular, polo que non resulta moito lerio nin confirmou os meus medos dun desafío de pensar demasiado.

Lunk

Para o duplo xefe final non me abondou con pensar, senón que tiven que tirar de axudas externas. Curiosamente non foi por un exceso de dificultade, inda que morrera no meu primeiro tento sen avanzar nada. Foi máis ben porque non me cría que non houbese unha táctica máis alá de bater contra os vermes xigantes, idealmente sendo da mesma escala. Non sei. Pareceume como que era moi pouco Zelda. Polo menos serviume como adestramento para o xefe final, esa máscara con tres fases. Contra ela, malgastei todas as frechas na primeira parte, e tiven que empregar o escudo e a espada para bater nas súas formas. Non foi moi elegante, e menos se contamos as catro veces que revivín con fadas, pero deu resultado e conseguín pasar páxina tras varios meses de lentos progresos.

Final

Mais as seguintes páxinas foron de internet para comprender todo o que pasou, porque eu non son alguén brillante abondo para unir con senso os retrincos que vin. Certo é que non fixen moito contido opcional, pero penso que pouco máis explicaría da trama principal. E, nin tendo seguido unha guía para completalo todo, non sería capaz de compor algo semellante ás teorías que lin fóra. Tampouco axuda que teña o Ocarina tan lonxe no tempo, porque este é claramente unha continuación adicada a todos os xogadores do anterior, feita e publicada en pouco tempo. Polo menos, esta vez, non remata con Link espertando.