<<

Football, Tactics & Glory. Capítulo 1

Non foron poucas as horas que pasei no PC Fútbol, PC Basket e nos Championship Football Manager. As súas mesturas de xogo de rol, estratexia e deportes sempre foron atractivas para min, e coido que a razón principal pola que non lle fago caso dende hai unha década a este xénero é pola cantidade de tempo que case obriga a investir: as tempadas son longas, as mecánicas cada vez máis profundas requiren certo estudo e non teñen un final claro. Son deses típicos xogos que se converten nun estilo de vida e que intento evitar, inda que neste caso (inda?) non sexan tan depredadores cos cartos dos seguidores. Non obstante, tiña este Football, Tactics & Glory na miña escasa lista de desexados por algún motivo que descoñezo, e un bo día apareceu como agasallo na miña conta de Steam. Pouco tardei en instalalo na Steam Deck pero, inda que saía como compatibilidade absoluta, faltaban as iconas dos botóns en todas as pantallas, facendo que a navegación resultase un completo inferno. Non atopei ningún atallo válido, así que agardei pacientemente ata que os desenvolvedores ucraínos publicasen un parche. Pasaron moitos meses, pero finalmente apareceron os debuxiños dos botóns e o puiden probar na miña plataforma preferida.

Luanko

Como son así, decidín arrancar directamente no modo manager en difícil. Encarnando o meu alter ego Pepe Gaivota, fichei na división máis baixa por un equipo ficticio do que xa non lembro o nome (realmente todos son ficticios e inspirados polos reais, pero todo a grandes liñas, xa que, por exemplo, o Corunna FC está na primeira división [que en realidade é a segunda, non estaba afeito a esta nomenclatura]). Nesa primeira tempada como adestrador fun aprendendo os básicos do xogo, especialmente no terreo táctico dos partidos, que era o que máis me atraía. Nuns momentos pareceume axeitado; noutros momentos, moi simple. De cando en vez pensaba que as habilidades que inda non tiña serían abondo para darlle máis opcións tácticas, mais moitas outras veces pensei en que estaría mellor investindo o tempo nun Blood Bowl. Moitas dúbidas, moitos cambios de opinión, pero eu seguía enganchado agardando por un partido máis para dar a noite por rematada. E así ata que terminei a tempada nun posto intermedio que agradou lixeiramente á directiva.

Disparo preciso

Decidín repetir no mesmo club outro ano máis, sabendo que moitos dos meus xogadores aprenderían a súa primeira habilidade e que, agora que controlaba máis, non me sería complicado mellorar os meus resultados. Pero case foron os mesmos. Doume conta de ter cometido moitos erros, tanto na parte de xestión coma no terreo de xogo, en boa parte por descoñecemento das regras (por exemplo, pensaba que o partido remataba nesa suposta última quenda e, de súpeto, o rival obtivo outras tres accións que empregou para empatar) e das fortalezas dos xogadores. Inda non interioricei o que era capaz de facer cada un, moito menos a zona do campo onde esas habilidades son activables para cada posto, e non atopei unha maneira de sabelo en medio da partida. En xeral, lembroume ás cartas do Super Gol de Marca, que inda teño por casa, pero obviamente este é moito máis rápido, podendo xogar un partido no tempo que emprego en cruzar as tablas precisas para calcular un caneo.

Transferencias Guadalajara

Na terceira tempada cambiei de equipo a un máis forte, cuxo obxectivo era ampliar o estadio. Conseguino, á custa dos meus mellores xogadores, e inda apañei un ascenso a terceira división, pero a directiva non recoñeceu o meu traballo e non obtiven ningún punto de reputación. Desgustado, busquei información en na internet pública, e só atopei mencións a que o xogo en modo difícil é realmente difícil por unha cuestión de números. Encaixoume coa miña experiencia e aproveitei para porlle freo a este experimento. É probable que repita no futuro no modo normal, xa que o único que non me atrae agora mesmo é saber que o resto de ligas teñen moitísimos máis dos 14 partidos por tempada que estaba a xogar nesa división tan baixa. A verdade é que penso que un enfoque menos simulacionista podería sentarlle mellor, porque tamén teño que xustificar porque non emprego este tempo nun Football Manager moderno.