<<

Kardboard Kings: Card Shop Simulator

No segundo e último torneo de Magic ao que asistín fíxeno realmente ben para levar tempo sen xogar: amais das cartas precisas para xogar, rematei con algúns sobres adicionais como premio. Xa tiña apalabrado cun rapaz simpático venderlle unha mítica foil que me saíra no comezo, aceptándome encantado o meu prezo de 10€ cando en internet ía a 20€. Como as cartas sabía que ían ir a un caixón e iso de que o torneo saíse a devolver soaba ben, ofrecín o resto de cartas para quen as quixera. Dous raparigos, que non debían sumar a miña idade entre ambos, achegáronse moi interesados nalgunhas, pero sen cartos. Eu trocos non quería así que aceptei o equivalente a un café por unha carta que, logo busquei, custaba como 4 veces máis (hoxe vai unhas 20 veces máis barata). Marcharon rapidamente do meu lado moi contentos, pero non por ter a carta, senón por, como claramente mencionaban non tan polo baixiño, terme estafado (non negarei que me sentín como tal durante uns minutos, máis pola súa actitude que pola economía). Neses rapaces, e nos da súa ralea, pensei moito mentres vendía cartas virtuais no Kardboard Kings: Card Shop Simulator.

Tenda

A idea é precisamente mercar cartas de Warlock baratas para vendelas máis caras na nosa tenda. Para tal fin teremos acceso a uns rumores que sempre resultarán veraces e permitirán prever as variacións de prezos. E… penso que con iso xa expliquei o xogo, porque non ten moito máis. Cada día abrimos a tenda, vemos os clientes mercando cartas, algún amigo de visita ou o carteiro que trae os sobres de cartas ou sobres de sobres de cartas que encargamos o día anterior. De cando en vez hai coleccións con cartas novas e unha metatrama que non vai a ningures. De feito, o xogo remata de súpeto, sen explicar nada e sen que a parte de vender cartas influíra en modo algún. Non agardaba algo tan tolo como Yu-Gi-Oh!, pero todas eses conceptos que saíron nos diálogos semellaban agochar un transfondo elaborado que nunca é expandido.

Denuncia

Supoño que podería continuar despois dos créditos para seguir falando cos visitantes e aprender así algo máis do mundo, pero malditas ganas teño. O bucle de comprar-vender cartas non daba moito de si e, nos últimos días, só xogaba por ver se chegaba algo interesante. Mais non. O tedio de preparar os moderadores só eran roto cando viñan os ladróns a levarse todas as cartas dun tipo pola noite, algo que non ten moito senso porque nós xa sabiamos que ía pasar, non se poderían gardar con chave? Iso ou cando un amigo amolábase se non aceptabamos o seu troco de naipes que é claramente prexudicial para o negocio. Ao final xa me daba igual todo e cambiaba o que fora, que o de ver subir os números da contra corrente sen risco nin obxectivo non era para min.

Créditos

Seica desbloqueei un modo máis complicado no que hai que pagar impostos e é un desafío conseguir que a tenda non peche, pero logo das horas xogadas nin sequera sei como escollen as cartas os clientes, se teñen algunhas preferencias ocultas ou se é ao chou. Tampouco teño idea dese a miña táctica de poñer cartas variadas (en prezo, poder, color, etc.) é a axeitada ou chega con expor as máis caras para sacar o máximo beneficio por visita. Non sei, menos mal que, para min, foi de balde, porque non imaxino ter pagado por isto que semella máis unha demo chea de carencias e erros ca un xogo completo.