<<

Football, Tactics & Glory. Capítulo 2

A nova encarnación de Pepe Gaivota comezou no Algeciras, na división máis baixa e no nivel de dificultade normal. Non foi unha tempada moi significativa, mais, para o equipo que levaba, tiven unha boa posición superando as expectativas do club. Notábase, sen dúbida, a baixada das esixencias, e a miña reputación como adestrador medrou ata obter unha oferta do club de fútbol de Torre-Pacheco, máis forte có Algeciras. Torre-Pacheco é un municipio de Murcia cunha cantidade de poboación semellante a Oleiros, inda que non ten acceso ao Mediterráneo dende a creación dos Alcázares en 1983. Pola outra banda, inda conserva muíños de vento de hai case 200 anos, entre os que destaco o do Tío Pacorro.

Torre-Pacheco 2026

Xa na terra de Carlos Fuentes Peñafiel, conseguín apañar varias vitorias importantes nos primeiros compases. A medida que me afacía ao novo equipo, dáballe máis minutos aos xogadores máis novos, porque os de 33 e 34 anos pouco fútbol máis darían. Como mercenario que son, non teño ningún problema en aparcar o proxecto actual de sae algo mellor, pero pensaba que tería opcións boas de ascenso o ano seguinte se o deixaba todo listo. Non sei como encaixa nese plan o de vender o meu porteiro titular para ampliar un estadio que sempre está baleiro, pero é o que hai. Polo menos, metín a un máis novo a mellorar no posto e tamén fun aprendendo eu todos os sistemas do xogo. Ao contrario que no Football Manager, aquí todo está disposto coma un complexo xogo de mesa no que uns valores derívanse doutros mediante unha fórmula constante. Desta maneira evitan sorpresas e comportamentos raros e, ao mesmo tempo, ofrecen a posibilidade de aplicar tácticas tamén fóra do terreo de xogo.

Torre-Pacheco lesión

Inda co novo, e non ideal, porteiro, apañamos para gañar un último partido que nos ascendeu de categoría! Decidín entón quedar un ano máis e ver como evolucionarían os meus rapaces (é así como falamos os adestradores, ou non é?). Os primeiros partidos da nova tempada saíron moi ben, deixándome nun posto alto da táboa, pero a segunda metade da ida foi contra os mellores equipos e case non saquei puntos. Tampouco axudou que os meus mellores xogadores sufriran moitas lesións, ata un total de 7, e a meirande parte de varios meses de duración.

Torre-Pacheco fichaxes

Polo camiño aceptei unha oferta esaxerada polo meu dianteiro estrela, empregando eses cartos para, xunto coa venda doutros dous xogadores máis maiores e menos importantes, apañar outro dianteiro con dúas estrelas de talento, moita máis capacidade de gol e 30 anos. A idea era aproveitar esas últimas tempadas da súa carreira para impulsar todo o equipo. Inicialmente non saíu moi ben, xa que coincidiu cos partidos máis complicados e, inda por riba, tamén tivo unha lesión de tres meses. Sería no comezo da volta cando amosou o seu valor, con moitos goles e premios ao mellor xogador. Ata un novo ascenso semellaba posible, pero pronto apareceron os equipos potentes e deixáronme na miña posición no centro da táboa, a unha distancia impracticable para o ascenso e sen ningún risco de descenso. Aí xa empreguei o modo de simulación de partidos para avanzar máis rápido mentres analizaba as melloras dos meus rapaces. Ao final da tempada non tiña mala pinta. Quizais repita un ano máis como pachequeiro adoptivo. Que, ademais, este ano estiven moi ocupado e non me pasei pola festa de Trinitarios e Berberiscos de xuño.