<<

Football, Tactics & Glory. Capítulo 4

Cando tiña uns trece anos xogaba o PC Fútbol na casa, o xadrez fóra e tamén comezaba a interesarme polos xogos de rol de fantasía; lembrando o meu entorno desa época, non semella unha combinación pouco habitual. Diría que inda non sabía da existencia do Blood Bowl, pero tiven unha idea que combinaba todos eses intereses da maneira máis ambiciosa posible. Tratábase dun xogo de taboleiro de fantasía dun deporte brutal, no que cada xogante tería que confeccionar un equipo que cubrise as diferentes posicións, con personaxes variados con habilidades únicas. Por se iso non resultase terriblemente presuntuoso pola miña parte, tamén imaxinaba que sería algo no que participasen un número elevado dos meus compañeiros de clase, facendo un mercado de fichaxes dinámico neses tempos de recreo no que non se podía baixar ó patio. Case nada, e menos tendo en conta que, co meu pulo social, podería atraer a atracción de entre unha e dúas persoas. Inda apareceron pola casa o ano pasado algunhas das fichas de personaxes dese experimento, que diría que non foi iterado máis que unha semana, con sorte. Quería poñer ese antecedente tan pouco exitoso en contexto para non esquecer que, por moito que me guste imaxinar novos xogos ou cambios para os existentes, a miña experiencia como deseñador dos mesmos segue a ser equiparable á de aquel rapaz de trece anos con máis imaxinación que constancia.

Torre-Pacheco fichaxe gloria

Neste Football, Tactics & Glory existe o recurso de gloria que, dentro dun club, permite contratar xogadores doutros equipos, contratar persoal de tarefas secundarias (médicos, olleiros, etc.) ou dar charlas motivadoras. Podería argumentar que, agás no último caso, é simplemente unha limitación para que os cartos clásicos non o manden todo, pero seguramente ese sexa precisamente o problema que querían solucionar, desincentivando a parte de mercado para centrala nos logros deportivos (agardo que, para a secuela, non caian na trampa de vender “paquetes de gloria” para os xogadores que desexen “potenciar o seu equipo” inda que os que non paguen “non se verán afectados” por esta funcionalidade “opcional”). Co que non simpatizo tanto é con que o custe do persoal de apoio suba en todas as categorías cando contratamos un. Seméllame que é moito máis interesante, dende o punto de vista do xogador que o nivel de cada posto ascenda por separado. Desta maneira, a dúbida é entre escoller entre unha mellora médica que non desexo moito pero é barata, e unha do persoal que ollea cativos que é a que considero máis valiosa pero que me levaría moita máis gloria. No método actual incentívase esa especialización extrema que nin sequera queda moi ben dende un punto de vista simulacionista.

Sponsors

Eses son o tipo de cousas que penso mentres trasnoito, máis que nunca, co gallo dun partido máis. Un partido máis que remata sendo un apurar a tempada actual para aí si, por sorte, parar definitivamente ata a noite seguinte. A esas horas intempestivas, abusei bastante da simulación dos partidos do final da tempada do Torre-Pacheco, xa con máis ganas de rematala que de ver as súas tradicionais Carrozas de Papelillo. O ascenso estaba case garantido, e a intelixencia artificial foi abondo para asegurar o terceiro posto e rematar o obxectivo dúas tempadas antes do acordado. Un éxito que me abríu as portas doutros equipos máis potentes xa na segunda división (que é a terceira máis alta, grazas Premier League). Estiven tentado de ir para o Xixón, unha cidade na que fun de turista e da que, ó contrario que Torre-Pacheco, podería contar cousas sen tirar do que leo polas redes. No lugar diso, optei por un equipo austríaco cun moito mellor cadro de xogadores que tiña o obxectivo de gañar a súa división. O meu plan era empregalo como trampolín para obter un contrato na seguinte división o vindeiro ano. Mais iso non funcionou así por dous motivos importantes.

Amarelo

O primeiro motivo é que non acadei o obxectivo, quedando segundo na división, un posto que igualmente permitía ascender e estaba por riba do límite de satisfacción. Pero a directiva non ficou contenta de todo así que a miña reputación como adestrador xefe estancou. O segundo motivo é que esa reputación é o recurso que condiciona as ofertas doutros clubs, e hai que gastala para obter novos contratos, polo que diría que fiquei peor nese aspecto que antes do meu paseo por Austria. Non pasa nada, gañei experiencia virtual e real. Tamén aprendín que boto de menos os xogadores de Torre-Pacheco que tan ben coñecía. Os austríacos eran moito mellores pero xa sabía eu que non viña para quedar. Penso que pode ter máis encanto acender no mesmo equipo, inda que sexa máis a modo. Quizais para as seguintes tempadas poida atopar un novo fogar máis duradeiro, se cadra na costa.

Bregenz 2029

Uy! É iso unha oferta do Corunna FC?