<<

Football, Tactics & Glory. Capítulo 7

Un tema do que nunca falei (e non será porque falei pouco) deste Football Tactics son dos gráficos dentro do partido. En principio é un tema menor para min, e penso que non trocaría moito a miña opinión se aparecesen chapas en lugar de persoíñas creadas en tres dimensións, pero a verdade é que están moi ben feitiñas para un xogo co presuposto que lle imaxino. Inda que todos teñen as mesmas animacións que, dito sexa de paso, non son nada esaxeradas e non cansan, os peiteados e os tons de cabelo e pel son diferentes, dándolle unha personalidade física a cada un que cumpre ben. Non sei se o salón de peiteado virtual está inspirado pola realidad, pero vexo moitos cortes que só levarían futbolistas ou rapaces de nove anos que ven demasiado fútbol, polo que me semella bastante verosímil.

Corte pelo

E xa vou coñecendo algunhas das caras do meu Corunna FC, polo menos as que marcan goles máis habitualmente. Dérame tres novas tempadas para acadar o obxectivo de gañar a liga, pero freei na segunda tras gañar a Copa Nacional. A anterior fora un poco fracaso, e esta non comezara especialmente ben, pero un día non sei que pasou e comecei a obter bastantes máis vitorias que empates ou derrotas, chegando ata os catros primeiros postos da táboa antes de baixar definitivamente ao sétimo, moi pretiño dos postos de entrada á Liga Europea. Pero a esas alturas eu xa tiña os ollos postos na Copa Nacional, na que fun gañando pola mínima grazas a unha defensa de ferro e algún gol de cando en vez. O mesmiño que fixen contra o poderoso Barcelona FC na final, conseguindo o primeiro título grande do equipo e deixándoo todo máis preparado para o asalto á liga. De feito, a presidencia ofreceume un novo contrato de tres anos con ese obxectivo. Non semella trivial nin imposible e, noutros intres, xa estaría comezando esa nova aventura ao mesmo tempo que redacto esta entrada, pero penso que xa foi abondo polo de agora.

Corunna Copa Nacional

Realmente, este é un xogo bastante ideal para unha consola portátil tal e como lle dou uso: os partidos son curtos, podemos parar en calquera intre e a partida pode ser retomada con pouco esforzo mental. Por eses motivos foime tan doado botarlle 70 horas en relativamente pouco tempo, mais penso que vai sendo hora de cambiar de aires. Non me importaría volver nun tempo para gañar esa miña primeira liga ou para ver que tal no torneo europeo, ao que conseguín acceder por gañar a COpa, pero non é un segredo que gusto de probar cousas novas e este xoguiño xa o teño demasiado aprendido. Todo será cuestión de como de entretido estea con outros desafíos e canta fortaleza mental teña para evitar a tentación de avanzar un partidiño en cinco minutos que atope libres. Porque de aí a avanzar toda unha temporada hai un pasiño ben pequeno. Sei do que falo.

Corunna futuro