<<

DragonBox Algebra 5+

En terceiro de EXB aprendimos a dividir con varias cifras. Para sementar ben os coñecementos, o profesor facía unha competición, durante todo o ano, de divisións. En clase de matemáticas tocaba facer algunhas divisións cada día que eran avaliadas. Se todas ían ben avanzabas ata as seguintes; se algunha ía mal tiñas que repetila. Opcionalmente, podías pedir tres divisións adicionais para facer en casa, de maneira que puideses adiantar na serie. Como estaba descrito coma unha competición, eu sempre pedía as tres adicionais e intentaba facelas antes de saír ou, algunha vez, pouco antes de que comezase a clase. O de facer cousas da escola en casa sempre me pareceu unha tortura inxustificada. Eu e o meu mellor amigo iamos empatados de primeiros moi preto do fin do curso cunha puntuación perfecta. Entón pasou o inexplicable: din o resultado incorrecto nunha delas. Iso suporía a perda da competición, xa que logo ía sempre unha por detrás. A miña mente urdiu un perverso plan e un día entreguei catro no lugar das tres divisións que me correspondían. Agora teño claro que o profesor case seguro decatouse do ocorrido, pero que lle vai dicir a un rapaz que fai deberes de máis e que consegue descifrar correctamente cal sería a siguiente división da serie. Ao final do curso fomos ambos coroados como campións do concurso, mais eu gardei o meu terrible segredo ata hoxe.

División

Todo iso era porque me gusta contar as miñas lerias, pero podemos encaixalo con este DragonBox Algebra 5+ para poñer en contexto as esixencias matemáticas recibidas por un neno de 9 anos en contraposición a este xogo pensado para a cativada de 5. Trátase dun xogo de pequenos crebacabezas que pretende aprenderlles álxebra elemental. A través duns debuxos e dunhas regras que van aumentando pouco a pouco, trátase de deixar unha caixa soa na metade da pantalla. Non hai ningunha explicación de por que isto ten que ser así nin intenta darlle significado a ningún símbolo máis aló de que a caixa absorbe as cousas da outra metade cando solucionamos un nivel; o que é un bo resumo de como se ensinan as matemáticas en moitos casos. Para os que sabemos resolver ecuacións case é máis doado converter mentalmente toda esa trangallada na aritmética matemática equivalente, pero obviamente non somos a demografía agardada. Os poucos textos que aparecen pódense poñer en galego, pero entendo que tamén está pensado para dar unhas explicacións fóra da aplicación móbil de man dunha persoa máis enterada. Doutro xeito, algún cambio de capítulo pode ser moi brusco e poden que provoquen abandonos.

Iconas

Non me levou moito tempo resolver todo o cento de problemas (decateime ao verificar este número que hai outros tantos niveis de “bonus” que non sei se tocarei). Para cada un, hai tres niveis de éxito que se corresponden con resolver a ecuación, simplificar todo o posible e facelo no menor número de movementos. Foi ese o único criterio co que discrepei, xa que a maneira de contar eses movementos non está de todo clara, e moitas veces marcaba como tal algo que non provocou cambios no estado. Supoño que si que dá algo no factor de xogabilidade, pero tampouco sei se hai que castigar solucións correctas por non seren tan sucintas como a ideal. Pola súa natureza de xogo dixital, tampouco se poden coller atallos, como restar directamente unha fracción, pero bota unha man para que non nos esquezamos de multiplicar absolutamente todos os elementos de ambos bloques.

Parabéns

Xa non me meto nas capacidades didácticas do xogo. Gañou moitos premios porque é unha idea intelixente, desas que lle gustan aos pais e nais que levan aos seus fillos a escolas plurilingües que custan bastantes centos de euros ao mes. Pero ao final está a amosar como resolver ecuacións lineais cunha abstracción nova por riba que acaba converxendo á notación clásica. Deixoume esa sensación de como que pretende enganar ao alumno dicíndolle: “hehe, picaches! Eran esas ecuacións que non che gustan camufladas con bonequiños!” E seguramente a idade ideal tamén estea por riba deses 5 anos, polo menos para que sirva de algo, pero eu desas cousas xa non controlo. Mais se lle serve a algún rapaz para perderlle o medo a eses xes, ben investido estará o tempo.