3000th Duel. Capítulo 2
Rematei o xogo. Explorei o 100% do mapa. Non entendín nada da historia. Hai unha expansión gratuíta, pero penso que, polo de agora, foi abondo.
A penúltima frase do anterior parágrafo é unha lixeira esaxeración, pero xunto coa seguinte, encaixan coas predicións que fixen na entrada anterior sobre o que opinaría neste segundo tramo. Repasarei o resto unha por unha, para pescudar como de certo estiven:
-
A meirande parte dos xefes eran opcionais, xa me parecía a min. Non a meirande parte, pero diría que unha boa cantidade para o que estou acostumado no xénero. Inda despois de vencer o xefe final atopei algún outro mentres buscaba explorar todo o mapa. Unha exploración, por certo, bastante artificial, xa que en moitos casos tocaba achegarse a un recunchiño do teito simplemente para obter unha casa nova como visitada.
-
O xefe final foi decepcionante, tanto polo seus padróns de ataque como pola triste segunda fase. Podería ter feito esa análise a posteriori, pero a verdade é que no momento non me resultou decepcionante. Fracasei moitísimas veces na primeira fase ata que aprendín ben os seus poucos ataques e a maneira de aproveitar as fiestras de ataque, pero non é que o pasara mal. A segunda fase foi algo cutre, porque alternaba os ataques da primeira cunha chuvia de balas na que tiñamos que golpear unha bóla para volver ao outro padrón. Non me gustou moito, e preferiría que fora doutro xeito, pero hoxe non empregaría a palabra triste tampouco.
-
Tiven que mirar unha guía para obter o final bo porque non entendín o que se requiría. Isto é curioso, porque o final bo é parte da expansión gratuíta e non entendía por que as guías falaban dun obxecto que eu non tiña no inventario. Xa estaba a pensar que o vendera pero non, ata que non activei o DLC non apareceu ese obxecto. Dinlle un tengo á nova loita final, pero a subida de dificultade non me compensaba o esforzo.
-
Gastei todas as pocións que tiña no tramo final, facendo que a dificultade fora inexistente. Aproveitei moitas máis que no primeiro tramo, pero como os obxectos empregados non se recuperan tras unha morte, tiven que ser máis conservador que no Castlevania típico. Tamén axuda que exista unha animación para obter cada vantaxe e non se poida facer instantaneamente dende o menú da pausa. Non sei se isto último é algo que agora implementan os de Konami, pero sería un cambio máis que agradecido.
Porén, foi todo máis ou menos como pensaba. Gocei máis ou menos de todo por moito que non haxa nada excelente, e non se me fixo tan tedioso como agardaba o de percorrer de novo os alxubes para completar o mapa. A única pena que tiven foi adicarlle estas 12 horas a este videoxogo no lugar dalgún outro coma Shovel Knight que, polo menos, ten mellor fama. Supoño que algún día caerá e, o que está por ver, e se o gozo aportado por ese será maior que o do menos popular 3000th Duel.