<<

The Ramp

A liña entre xogo e xoguete non adoita ser traspasada no terreo de entretemento para adultos, e moito menos no mundo dixital. Cunha mestura de curiosidade e desconfianza instalei este The Ramp, publicitado como un videoxoguete de monopatíns. Inda que tiven certo interese nese deporte de cativo, a miña falta de amor pola velocidade e o risco levoume a practicalo moito máis virtualmente da man de Tony Hawk. A miña satisfactoria experiencia comezou por unhademo da terceira parte do Pro Skater, seguíu pola segunda atopada nunha páxina de dubidosa legalidade e rematou pouco antes da creación desta páxina cunha reedición do orixinal. Entre medias tamén probei algún outro con mecánicas diferentes, pero sempre eminentemente orientados a obxectivos. Máis dunha vez foron metas persoais, ou simplemente un paseo, xusto o que ofrece o The Ramp dunha maneira minimalista. Non ten puntuacións, nin niveis desbloquables, nin números máis aló dos que contan o número de voltas que damos no aire. Todo moi orientado a esa filosofía de xoguete.

Rampla

Agás polo pequeno feito de que inclúe logros. E velaí fun eu, tomando eses logros como obxectivo ineludible e pasando totalmente da suposta liberdade sen fíos do xoguete.

Choque

No comezo tardei en coller o ritmo do half requirido para voar alto. Existe un titorial que marca as zonas nas que hai que premer o botón para acadar a velocidade máxima, pero non me resultou nada claro nin natural. Supoño que era algo que tiña internalizado dos Tony Hawk’s e que aquí era diferente, porque non sería ata a media hora de xogo cando algo encaixou na miña cabeza e entrei en sincronía. Neses momentos xa tiña case todos os logros obtidos, pero para os de facer rotacións máis altas tirei de guías. Así aprendín que era preciso facer trucos para xirar máis rápido e o lugar e técnica precisa para o 900 e o 1080. Tardaría outros quince minutos en facer iso,e xa só me faltou espetar varias ducias de veces contra unha parede para obter o logro que me restaba. Puxen manualmente os créditos e din o xogo por rematado.

Chimpo

Non digo eu que sexa mala idea o de desenvolver un xogo basado na busca de sensacións non guiadas, pero esta pequena colección de ramplas con dá para moito máis. Se cadra con máis variedade e exploración podería estirar un pouco a fórmula. Outra opción sería tirar por un realismo que complique os controis de manera que haxa que practicar moito para facer cousas pouco espectaculares. Sería unha maneira de ver o deporte dende un punto de vista xusto, e achegarse así máis ás dificultades que eu atopaba para mantener de pé na táboa no lugar de dar 400 voltas no aire coma en case todos os videoxogos do xénero.