<<

Ski Safari: Adventure Time

Hai bastantes anos probei algunha partida solta ao Jetpack Joyride nun iPad emprestado. Algún tempo despois, xogaría no meu (descanse en paz) Android Nexus 4, chegando ata o final sen pagar un peso. Diría que aquela foi a miña primeira e última incursión seria nun xogo deses de carreiras perpetuas, e diría que fixen ben porque, dende entón, as prácticas depredadoras dos xogos móbiles fixeron que toda a competencia teña sistemas de progresión máis penosos que impulsan a gastar os cartos. Este Ski Safari pintado como Adventure Time podería entrar dentro desa categoría, porque abofé que o sistema de progresión é lento e aburrido, pero a verdade é que non penso que mellore moito metendo cartos a esgalla.

Seica o Ski Safari orixinal xa ten tamén unha morea de anos, saíndo sete meses despois do Jetpack Joyride, pero esta foi a primeira noticia que tiven. Consiste en baixar esquiando por unha montaña dunha maneira moi tola, aproveitando a fauna local como pingüíns ou yetis para ir máis rápido. Esta versión de Adventure Time supoño que non cambia moito máis que eses medios de transporte imaxinativos polos personaxes habituais, algúns dos cales coñezo do Adventure Time Card Wars. Diría que aquí amosan ben os seus deseños visuais e retallos do seu carisma, sen coñecer eu nada da serie. O resto da idea de baixar pola montaña facendo pinchacarneiros e subindo enriba de amigos tamén é algo que me encaixa co que me imaxino do mundo orixinal. Non obstante, ese pulo tampouco semella abondo para un xogo tan repetitivo e con cambios que chegan tan lentos.

Descenso

Para subir de nivel, e así poder ir máis rápidos, hai que ir cumprindo unha serie de misións das cales sempre hai tres dispoñibles. Fun avanzando por elas con certa celeridade, pero chegou un momento nos que os tres ocos estaban colapsados por algunhas moi específicas, como as que requiren atopar un compañeiro nun lugar moi particular para poder sobrevoar unha cova, ou moi a longo prazo, como a de coller 1000 moedas cando Finn vai cun empurrón azul (que non son capaz de conseguir moi a miúdo). Aí xa se freou a miña progresión, o cal quita bastante graza ao asunto. Quédame apañar moedas para desbloquear escenarios novos (fíxeno para o segundo e é máis do mesmo) ou para mellorar as monturas (o cal é bastante circunstancial e as melloras non semellan moi notables). Tamén podería intentar superar as miñas marcas de puntuación, pero non hai ningún beneficio dentro do xogo para iso e é o típico que é máis doado cantas máis melloras teñamos. O cal non semella moi importante porque penso que non aparecen máis moedas canto máis adiante cheguemos.

O meu recordo do Jetpack Joyride, que seguramente estea bastante falseado, é moi diferente, con misións máis doadas, partidas máis curtas, melloras máis notables e unha curva de progresión que non se freaba tras dous días xogando. É probable que hoxe en día tampouco sexa capaz de aturar esa experiencia, pero penso que, sen dúbida, esta versión do Ski Safari ten moita marxe de mellora con pequenos cambios de deseño. Tal e como está é un entretemento válido para xogar de cando en vez, mais iso non encaixa para nada co tema das melloras nun xogo que, se supón, foi de pago.