<<

Castlevania: Portrait of Ruin. Capítulo 1

Tan só xoguei unha sesión dunha hora de duración, pero ao tratarse dun Castlevania portátil xa sei por onde van os tiros, máis ou menos que agardar del e que de seguro que me gustará igual có resto (o The Adventure non conta, inda que teño pensado darlle outra pasada empregando continuacións). Neste caso a novidade principal é o dúo de protagonistas, un da familia dos Morris (tamén coñecido coma o personaxe aburrido do Bloodlines, outro que debería retomar se atopo o contrasinal) e outra meiga chamada Charlotte Aulin. Voume esforzar por non facer predicións sobre o xogo esta vez, porque penso aceptar de boa gana o que veña.

Xogo rematado

Inda que só levo esa hora de xogo que mencionaba, e tendo a poñer a escritura tras catro ou cinco, si que atopei cousas abondo para falar. Unha primeira cousa pequena é que o contador de explorado xa pasou do 100%, entendo que cada cadro que visitemos sumará o seu 100% particular polo que, entre outras cousas, non me serve directamente para estimar o avance que levo, inda que xa son can vello abondo para facerme unha idea igualmente. Ese primeiro cadro no que entrei non me resultou moi grande, pero tiña unha boa chea de puntos de recuperación/gardado e tamén varios puntos de teletransporte, polo que resultoume ben doado moverme de forma rápida e libre, algo que botei de menos no 3000th Duel. Tamén axudou logo dos meus fracasos contra o primeiro xefe do xogo, xa que puiden explorar un pouco máis, equipar a Jonathan coa segunda arma máis poderosa e lenta que atopei e volver cun nivel adicional para, desta si, esquivar os ataques máis poderosos e dar boa conta da armadura xigante.

Guerra

Nese punto obtiven a primeira maneira de chegar máis alto, e seguramente a máis orixinal. Consiste nun salto duplo que só pode ser executado nos ombreiros do compañeiro. Non aparece en ningures como facer esa manobra e os meus intentos non daban froitos, así que recorrín a internet para confirmar que era como eu imaxinaba pero que tiña que practicar algo máis. Leveime, de agasallo non desexado, o consello de que Charlotte enriba de Jonathan chega máis alto có revés, porque o Morris ten os ombreiros máis arriba; pola outra banda, penso que sería a típica cousas da que non me decataría nunca pola miña conta. Inda que sempre son máis de xogar con personaxes femininos, neste caso estou tendendo bastante máis cara o clásico varón matavampiros porque os seus ataques resúltanme máis cómodos. Inda non teño unha táctica moi establecida pero si que tendo a empregar a maxia da meiga cando fai falla, e deixo que vaia a outra dimensión cando non.

Parella

Seica Drácula non está no castelo, pero xa fun coñecendo a algunha da xente que me cruzarei a miúdo: unha vampira poderosa, a alma de alguén moi poderoso que quedou cativo no castelo e agora dá misións, amáis dun frade que quere axudar pero que tamén quere moitos cartos. Uns cartos que semella haber a esgalla nos puntos de luz, pero xa vin algúns obxectos con moitos ceros para compensar. Non sei se chegarei a poder mercar algún deles porque non sei se terei ganas de facer algún ritual repetitivo para obter tanta moeda, pero agora mesmo apetéceme moito este xogo e acabo de relegar inda máis a seguinte entrada do Paper Mario, que avanza [se é que avanza] moito máis lentamente.