<<

Castlevania: Portrait of Ruin. Capítulo 3

Hai unha pelexa opcional, contra o espírito do Ritcher do Rondo of Blood, na que a vitoria permítelle a Jonathan sacarlle o máximo potencial ao mítico látego Matavampiros que herdou do seu pai. Levoume unha boa recua de intentos, xa que ese inimigo fai moito dano cos seus ataques e, amais, non deixa moita marxe porque o seu manexo do Matavampiros é excelente. O meu plan, que estimo que me custou preto de dúas ducias de derrotas, foi evolucionando ata abusar da intelixencia artificial. Mantendo sempre a distancia xusta, esquivaba os seus lanzamentos, castigaba cun lanzamento de xavelina e tentaba meter un corte de espada ante certos ataques do inimigo. Ás veces erraba na execución, pero finalmente chegou a vitoria con axuda dos consumibles.

Ritcher

O látego das lendas no panel de estatísticas non era moi prometedor, xa que os números eran significativamente menores cós do espadón, pero na práctica resultaba unha forza da destrución. Intúo que facía dano adicional ás criaturas escuras, e non era raro que golpease dúas veces nun mesmo ataque, polo que mudei sen reparos a esta arma e diría que a dificultade dos encontros baixou inmediatamente. Comezou a ser habitual o de destruír os xefes nun primeiro encontro, e moitos dos encontros de corredor tamén caían rápido. Algo que foi moi de agradecer porque os puntos de gardado foron diminuíndo a medida que nos achegabamos a Drácula.

Escaleiras

Porque si, tamén Drácula é o xefe final deste xogo. E, por vez primeira na saga, non está só. Morte acompáñao para engadir máis caos aos clásicos movementos do vampiro. No papel non era especialmente complicado, e menos coa gran colección de obxectos curativos que levaba no peto, pero sempre tiña algún erro que me levaba a acumular dano fatal. Foi cousa de acostumarse ao ritmo e a escapar dos ataques máis poderosos, tamén na obrigada segunda fase. Cun pouco de práctica o meu dúo obtivo a vitoria sobre os inimigos, obtendo, esta vez si, o mellor final. Inda hai máis contido opcional para xogar, dende unha zona máis complicada ata novas personaxes para revivir a aventura dun novo xeito. Nada que me atraia moito agora mesmo.

Morte e Drácula

Penso que é curioso como levan facendo o mesmo xogo dende hai tanto tempo e sempre, polo menos para min, resulta fresco. Non me paro a pensar nas sutilezas de cada entrega, ou por que hai longos corredores sen nada máis que inimigos estratexicamente situados para crear un desafío axeitado para ese intre concreto. É moi artificial, coma toda esa gran lista de armas que xa son inferiores cando aparecen pero que, inda así, teñen os seus gráficos propios. Ou cando pretenden que lance centos de veces cada un dos ataques secundarios para converterme en “mestre” deles. Nestes máis novos hai moito contido para ter que facer entre unha secuela e a seguinte. Non obstante, se cadra é hora de levar iso cara o extremo, cortar as opcións máis custosas e sacar un xogo por ano. Dirán que o Castlevania 2028 e igual có 2027 pero cun novo protagonista e centrado en monturas pero, que máis dá? Pasamos dúas semanas ao ano repetindo as sensacións, queixándonos sobre o trillado da historia e agardando doce meses a que saia a seguinte.

Moi mal