<<

O señor dos aneis LCG. Viaxe polo Belegaer

Atopei unha oferta da expansión do Cazador de soños na súa versión reeditada, e xa me serviu de escusa para volver a este Señor dos aneis logo de case tres anos sen tocalo. Xa antes de abrir as caixas (que veñen tan baleiras que dá pena) tiña unha baralla montada virtualmente. A idea era aproveitar os etiquetados como noldor, cos heroes novos de Galdor e Círdan a carón do xa coñecido Erestor. Xa postos, inda que non teño a carta en físico, o contrato da viaxe perigosa, que obriga a incluír 100 cartas, soaba ben como compensación a descartar tantas por quenda. Pero o anel de Círdan non me remataba de convencer e supuxen que precisaría máis maneiras de xerar recursos, así que entrou Arwen no seu lugar. Quedando así:

Hero (3)

Ally (43)

Attachment (22)

Event (33)

Player Side Quest (2)

Hai aí unha amálgama de temas entre tanto cartón, pero basicamente incluín todas as cartas que considerei fortes xunto con outras que funcionan ben con tanto descarte. Tamén hai algunhas trampas que, por desgraza, non funcionan contra os barcos que atopei na primeira ventura, o cal ten certo sentido temático. Pola outra banda, pensei que sería unha lea física traballar con tantas cartas pero, polo menos sen fundas, non me resultou nada incómodo mesturalas todas cando tocaba.

Con todas esas, logo de tomar unha noite en ordear as cartas novas e comecei a primeira aventura: a viaxe a través do Belegaer. Serve como introdución ás mecánicas de navegación, que funcionan ben con todos eses persoanxes barateiros que levo e que realmente non poden facer moita cousa máis. Dese xeito, puiden manter o rumbo estable en todas as probas. E menos mal! Os barcos inimigos coa súa mecánica de abordaxe agardaban na área de preparación a que me desviase para abordarme con moreas de corsarios. Por sorte, nunca pasou iso, e conseguín completar a aventura en tan só catro quendas sen ningunha baixa, nin aliada nin inimiga. Podería ter gañado unha quenda antes, no mínimo posible, pero esquecinme de que o contrato elixido (para o que non teño carta nin ningún recordatorio) tiña unha habilidade que podería ter empregado para conseguir ese punto de vontade que tanto precisaba. Vencín cunha puntuación de 66 máis 2 puntos experiencia para a campaña, grazas aos barcos Cazador de soños e Nárelenya.

Xa veremos que tal os noldor cando non poidan bulir polo mar ou non me saian as cartas de escudriñar no mazo de encontros, que é unha habilidade demasiado poderosa para xogar en solitario e coa que teño unha relación de amor-odio. De feito penso que o Denethor da caixa básica segue a ser dos heroes con máis impacto da miña colección, trocando o xogo máis cara un crebacabezas, deixando atrás esa xestión de risco que tanto me gusta. Unha razón máis para tentar xogar este gran xogo en multixogador sempre que sexa posible.