<<

Slay the Spire. Capítulo 10

Escribía, hai máis ou menos doce meses, que “se cadra dentro dun par de anos volvo outra vez con ganas abondo para […] vencer o corazón no nivel máis elevado”. Por moitos imitadores que probe, semella que ningún chegou ao nivel deste Slay the Spire (sobre o Balatro, que semella estar de moda, lin cousas que non me convencen, dareille tempo para atallalas), así que a súa atracción é notoria. Desta vez centreime no Ironclad, porque non me quería meter con máis navallas e velenos, porque así tamén subía o nivel de ascensión destoutro personaxe e porque tamén semellaba máis doado.

Not red

Non foi moito traballiño chegar ata o nivel 20, e derrotei ao corazón case todas as veces que superei o terceiro acto, sendo máis común o fracaso por non recuperar o anaco vermello que por outra cousa. Mais todo mudou cando aterrei nese cumio de dificultade. Decidín levar un resumo das partidas para deixar documentadas as mesmas, pero o teclado da Steam Deck deixou de funcionar así que, finalmente, só teño das tres primeiras:

  1. Andar 14. Morte contra gremlins tras non coller un cleave.
  2. Andar 14. Morte contra Lavagulin con dúas reliquias que non aportaban nada e moito sangue perdido nas pelexas anteriores.
  3. Andar 50. Morte contra Time Eater por non xogar demasiado ben.

Visto así non tiña mala pinta, ante todo porque o incremento de dificultade dende o nivel 19 ata este non é moi elevado, pero afectoume o pánico do éxito na miña mente e enlacei unha morea de partidas que non pasaban do primeiro acto. Non despeguei con intención ata que o chou deume un astrolabio inicial cunhas cartas que compensaban, moi de lonxe, a reliquia inicial. Aí xa foi encadear melloras tras melloras ata formar unha desas barallas doadas con corrupción e todas as sinerxías. A loita final contra o corazón case foi un trámite.

Searing victory

Mais a corazón morto, corazón posto. Pregunteime se sería capaz de repetir a xogada unha vez máis. Un ollo de snecko para comezar non era mal presaxio, e certamente foi abondo para achegarme de novo ao cuarto acto e dar conta do corazón do chapitel. E non ía parar aí. Un novo comezo, esta vez con 250 de ouro adicional, atopoume na terceira planta con dous golpes perfeccionados. Non tiven valor a eliminar ningún dos strikes orixinais nin, a non coller algún outro perfeccionado que se me ofertou e a non embotellar un deles. Cun dano esaxerado na primeira quenda, fun dando conta de todos os inimigos ata o corazón, pero por máis que intentei no terceiro acto engadir bloqueo abondo para sobrevivir a este encontro, non foi suficiente e caín derrotado. Sería marabilloso ter tres vitorias consecutivas, pero dúas son unha máis do que contaba inicialmente, así que estou moi satisfeito.

Not perfected victory

P.D: Non puiden parar aí. Gañei a seguinte partida con este personaxe e perdín a que botei a continuación. Supoño que algo fixo “clic” na miña cabeza, porque atopo os desafíos moito máis doados que hai unha semana. Ou se cadra simplemente teño sorte e nunca máis chegarei a igualar ese par de vitorias consecutivas. Mais agora é o momento de cambiar de personaxe!