<<

Slay the Spire. Capítulo 11

Despois do éxito co Ironclad, e coas outras dúas personaxes por debaixo do nivel 10 de ascensión, decidín que era boa hora de darlle outro tento á silente, aquela que me levou a obter, por vez primeira, unha vitoria no máximo nivel. Desta vez non quería tomar atallos: ou vencía contra o corazón ou non contaba! Ademais, o obxectivo era máis ambicioso: obter dúas vitorias consecutivas, para que non fora cousa de simplemente ter algo de sorte.

Na primeira perdín contra a planta-serpe, ao pouco de chegar ao segundo acto. Levaba un conxunto de cartas prometedor, pero trabuqueime varias veces nos combates, imaxinándome que algunhas habilidades eran gratis ou contando mal os puntos de dano que podía causar. Cando o inimigo ficou vivo cun único punto de vida e a protagonista cun único punto de bloqueo pois foi o fin da aventura. Estaba moi canso así que tamén foi o fin do día.

A segunda non tiña tan boas trazas. Apañeime ben no primeiro acto, por moito que collera un bane tras a primeira loita e que non atopara absolutamente nada de veleno despois. Inda así, con calma e bo xuízo, conseguín superar o xefe máis mocoso e mellorar o mazo cunha caixa de Pandora que… trouxo outros dous banes e pouco máis útil. Coa axuda dunha pipa fun quitando eses ataques mentres engadía máis sinerxías de descarte e deixaba atrás as melloras, o cal funcionaba moi ben cando funcionaba. Aproveitei que tiña moitos cartos para ver se apañaba unha apoteosis que me salvara, pero non había maneira. O campión do segundo acto foi unha loita moi longa e penosa, pero abondo para obter a elección de tres novas reliquias… que tampouco pagaban moito a pena. Fun coa estrela negra e todo mellorou no terceiro acto. Troquei a posibilidade de curar pola mellora de todas as miñas cartas e foi xusto o que precisaba a baralla, dende aí ata o corazón corrupto só perdín 3 puntos de vida mentres facía malabares con 3 puntos de enerxía. A loita final foi un éxito moi controlado e sen sorpresas.

Control corazón

A terceira foi outro baño de realidade. Apañeime para chegar ao segundo acto sen ningún plan real, perder unha morea de vida contra os escravistas por aforrar unha poción e morrer contra o ataque poderoso automatón de bronce por non ter moito bloqueo. Supoño que a lección máis importante é a de non apurar tanto nas pelexas que poden estenderse máis da conta.

A cuarta rematou no acto 1, contra o gremlin máis grande e vermello. Non tiven boa sorte coa orde das cartas e estaba máis preparado para os outros dous elites pero, se cadra, fun moi ambicioso.

A quinta chegou ata o segundo xefe do terceiro acto. O Time Eater crecía máis rápido do que a miña baralla podería ter feito. Non tiña ningunha maneira de escalar ben e tampouco xoguei estupendamente as miñas cartas, poñendo en xogo a miña forma de espectro sen mellorar un par de quendas antes do que debería. Agora vexo que quizais confiaba moito en min para buscar esas dúas vitorias consecutivas, pero dareille algúns intentos máis antes de abandonar.

A sexta foi prometedora de comezo, pero seica o Lagavulin do evento que mata ao aventureiro comeza baixando o noso ataque en lugar de durmindo. Sobrevivín de casualidade, pero condicionoume abondo para non poder mellorar moito e rematar no segundo acto contra os escravistas.

A sétima levoume ata o xefe xelatinoso do primeiro acto con tan só 6 puntos de vida, unha baralla pequena pero potente e ningunha reliquia de combate. Fracasei por moi pouco, e de seguro tería gañado de ter descansado no lume anterior, pero tiña que xogar un pouco ambicioso para tentar levantar esa partida.

A oitava foi sobre rodas en todo momento, facendo moito dano moi rápido e escalando a forza case en cada quenda. Pero non tiña moito bloqueo e o Coleccionista tiña unha morea de puntos de vida. Entre que baixei os seus amiguiños dúas veces, e que non empreguei a poción de artefacto cando tocaba, quedeime a moi pouco de conseguir unha vitoria. Logo tería todo o terceiro acto para mellorar un pouco o plan defensivo e, se cadra, tería unha vitoria contra o corazón. Con todo, resultou apaixonante, ao mesmo tempo que realista, xa que claramente inda teño moitas lagoas no meu xogo.

A novena tamén finou no Coleccionista. Levaba bastante dano pero, inda que xa iba con elo en mente, non atopei bloqueo abondo para sobrevivir unha pelexa tan longa. Con tanta mala sorte que o xefe fixo o dano xusto para me matar cando, quizais, só precisaba un punto máis de bloqueo para chegar ao terceiro acto.

Coleccionista exacto

A décima tamén atopou ese Coleccionista no final do segundo acto. Desta vez, por pouco, gañei e xa fun ben encamiñado ata o cuarto acto. Alí sufrín moito dano da lanza e o escudo ata que finalmente o corazón castigoume por ter unha baralla con tantas navallas, pouca enerxía e poucas maneiras de roubar máis cartas. O latido da morte foi, efectivamente, iso mesmo.

Supoño que xa é abondo por esta vez. Un éxito do 10% para comezar non está mal e coido que aprendín moito para poder conseguir esa fazaña de dúas vitorias consecutivas. Se cadra na próxima decena de partidas?