Paper Mario. Capítulos 3-4
Contaba con avanzar rápido por este xogo: liquidar tres capítulos nun par de semanas e outro tanto no resto do mes para dar por rematada a experiencia. Pero cada vez que intentaba volver invadíame unha preguiza máxima, deixando a partida tras un par de minutos. Agora xa non vexo nada claro o de terminalo este ano, ou pode que nunca. Dáme algo de mágoa porque foi un dos xogos elixidos polos meus amigos e, ata o de agora, completei todos os que gañaron a enquisa. Pero a miña promesa era simplemente xogar ao máis votado, así que aí vou cuberto.
Estes dous capítulos centráronse nas pantasmas e nos shy guys. Cada parte ten a súa propia personalidade con inimigos totalmente novos e, polo de agora, tamén introducen un novo aliado con habilidades que tanto poden ser usadas dentro coma fóra das batallas. A variedade está servida, e tamén existen varias buscas secundarias por se non chegaba o contido. Nese aspecto non teño problema pero, con todo, non ten pulo abondo para me chamar dunha sesión a outra.
O problema é, máis que nada, que progresa todo moi lento, polo menos para a celeridade que eu desexo estes días. Cando comeza un novo capítulo, manexando a Peach, non penso no divertido da situación e das repetidas fuxidas dos seus apousentos sen consecuencias. Cando Bowser describe o seu plan, non gozo co ridículo da idea sabendo que vai fracasar precisamente polo xeito de non saber entender a situación. Logo, xa manexando a Mario, non me apaixona ter que atopar a ruta cara o seguinte escenario. E, unha vez alí, só penso na maneira máis eficiente de chegar ao xefe do final do capítulo. E, inda entón, o divertido de esclarecer a maneira de superar ese desafío é superado pola gran cantidade de puntos de vida que hai que reducir. O mesmo que as liortas comúns das que intento fuxir, xa que resultan moi lentas e sinto que as probas de habilidade son máis un castigo por facelas mal que unha bonificación por facelas ben. Porén, non é raro que pense en abandonar ou parar indefinidamente.
Pero, honestamente, a estas alturas isto xa é a crónica dunha morte anunciada. Moi semellante á de Santiago Nasar narrada por Gabriel García Márquez, que xusto rematei ao mesmo tempo que o cuarto capítulo do Paper Mario. A brevidade da novela foi un bo contrapunto ao longo que me podería resultar o xogo de Nintendo, xa que en ningún momento tiven que baixar ao ritmo da narrativa. Cada parágrafo achegaba máis a morte que sabiamos que ía chegar, ao mesmo tempo que explicaba a case imposibilidade de tal desafortunado evento. A miña aventura no Paper Mario seguramente tamén remate morta o día que perda a partida gardada. Sabemos que vai pasar, hai moitas formas de evitalo, pero, inda así, vai pasar. Só faltará escribir a crónica a posteriori.