<<

Soul Blade. Capítulo 3

Decidín, esta vez, darlle unha volta ao modo Edge Master deste Soul Blade, unha nova interpretación consoleira do modo arcade con máis literatura, novas regras e a posibilidade de cambiar de arma entre encontro e encontro. Por facer a continuación da anterior entrada, volvín coller a Cervantes de León e, o día seguinte, puxen de novo o Finisterra Ópera Rock, a regravación de Mägo de Oz do seu gran éxito 15 anos despois.

Finisterra Ópera Rock

Xa o escoitara unha vez o mesmo día có orixinal, hai un par de semanas, e as miñas sensacións foron moi malas. Notaba todos e cada un dos trocos e, agás nun par de puntos, todos soaban peor. O prólogo aquí é narrado por outros rapaces con menos carisma que len o texto con pouco ritmo, digno das mellores clases de primeiro de primaria pero que me semellaba un comezo pouco profesional para unha obra de miras tan altas. Máis adiante La cruz de Santiago fíxome pensar se non tería bos méritos esta reinterpretación, se cadra pola aparición da moi recoñecible voz de Leo Jiménez, pero o resto das cancións ían pasando con máis pena que gloria. Foi entón cando chegou Duerme, cunha soprano que de seguro canta moi ben, pero que a min sooume fatal. Pouco despois, Fiesta Pagana xa non encaixou dende a primeira nota, como que a frauta non soaba ben con ese violín; tiven que parar e comparar coa orixinal para decatarme que, efectivamente, había como algo desafinado aí. Con poucas esperanzas apareceu Los renglones torcidos de Dios, que pode que sexa a única que mellorou, pero eu seguía a notar o resto de cambios para peor, ata a aparición da voz feminina en Astaroth, que non me deixou coa mesma resposta sensorial meridiana autónoma. Con todo, respecto totalmente o dereito de calquera banda a regravar o que consideren oportuno, e non o acho moi diferente a esos álbumes en directo que, moitas veces, son máis satisfactorios que outros de estudio.

Portada

Niso pensaba eu mentres avanzaba con Cervantes por parte de Europa e Asia. O modo Edge Master incluía un texto introdutorio para o personaxe e, tamén, antes de cada nivel. Desa maneira, non estabamos a loitar simplemente contra un tal Voldo, senón contra o gardían do tesouro que levamos tantos anos a procurar. E non basta con bater sobre el, xa que unicamente podémolo mancar no aire. Nin que dicir ten que levoume unha boa morea de tentos superar ese séptimo encontro, outros varios o oitavo no que había que vencer a seis inimigos consecutivamente e, no noveno, logo de inda máis fracasos, reiniciei sen querer a partida, tendo que comezar de novo se quixera ver o final. Pero non me atopaba moi ben, nin de ánimo nin de saúde, así que din o experimento por rematado. Non probei ningunha arma máis que a propia Soul Edge, pero é que todas semellaban inferiores a esa outra das lendas.

O día seguinte tampouco estaba ben de todo, e pode que o Finisterra Ópera Rock non axudase. Púxeno de novo, para lembrar as sensacións e, non sei se pola enfermidade ou polo tempo que pasou, foron bastante diferentes. Nese estado xa non semellaba capaz de achar todas as diferenzas co orixinal, é certo que as voces iniciais dos nenos son pouco profesionais, pero estaban lonxe de ser unha afronta, a voz da soprano soaba bastante máis axeitada para a canción de Duerme e as frautas xa non me atacaban os tímpanos. Era máis como un grupo de xente pasándoo xenial tocando e cantando as súas cancións preferidas, algo nada criticable. Xa non viña de antes con ideas negativas sobre o novo cantante, Zeta, pero en sucesivas escoitas tampouco penso que sexa merecedor de ningunha ira.

Inferno chamando

Obviamente, o orixinal segue aí para ser escoitado e esta nova versión non lle quita o posto. Mais é probable que antes prefira probar o modo Edge Master do Soul Blade con outra personaxe que escoitalo de novo. E iso non ten nada malo, velaí queda esa ópera rock e Cervantes agardando porque outro os poña nun lugar da marcha.