<<

Etrian Odyssey IV: Legends of the Titan. Capítulo 1

O equipo planeado na anterior entrada resultou, no comezo, moito máis efectivo do que agardaba. Tiña medo de recibir moito máis dano do que Larissa podería ser capaz de curar e que as viaxes entre o labirinto e a posada foran constantes. Non foi así. O quinteto, especializado en golpear rápido e duro, daba boa conta dos inimigos antes de que eles lles baixaran moitos puntos de vida. A medida que subían os puntos de talento (os MP deste xogo) máximos de Larissa, as incursións eran máis longas e máis avanzaba nos trazos sobre o mapa. Era unha experiencia moi tranquila, case rutineira, na que tiña tempo de pensar nas futuras melloras das personaxes e da miña propia experiencia no anterior xogo desta saga. Tamén tentei de comprender é onde atopo o encanto exactamente. Supoño que, parte do atractivo é ese aumento constante de poder, ver como o mapa vai sendo completado e superar as pelexas máis complicadas cun plan evolucionado de moitas horas atrás.

Delga crew

E, precisamente, pensei que o meu plan de batalla non ía sobrevivir a primeira loita importante. O xigante úrsido vermello, que freaba o paso do segundo ao terceiro nivel do primeiro alxube, era capaz de golpear bastante duro e en área. Sen posibilidade de recuperar vida máis alá dos consumibles individuais, un par de ataques dese estilo marcarían a defunción do grupo. Tras un primeiro fracaso, aproveitei para subir máis niveis, loitar contra algúns FOEs (que agora teñen imaxe propia durante a exploración) e mercar o mellor equipo que os cartos podían mercar neste punto. Para todo iso, foi boa conveniencia o sistema da nave voadora, que evolucionou da nave marítima do anterior xogo cun subsistema bastante máis libre, con moitísima menos necesidade de planear cada viaxe e, sen dúbida, moito máis doado de deseñar para o equipo encargado. Dende aí tamén é posible acceder a outros alxubes menores coas súas buscas propias.

FOE mapa

Neses primeiros alxubes e labirintos non houbo nada especialmente sorprendente. A principal novidade consistía en atraer a osos xigantes cara uns muros de árbores caídas para que os destruísen. Para iso, tamén resulta útil que os atallos agora aparezan visualmente na vista de exploración e que poidamos xirar a cámara sen necesidade de movemento. Inda así, eu estou afincado nas miñas teimas previas e vou mirando cara todos os muros e premendo o botón “A” coma nos vellos tempos.

Colonialismo

A verdade é que todo é ben similar á anterior entrega da saga e, quizais precisamente por iso, teño ganas de continuar coa aventura na segunda terra. Pouco me falta para chegar á seguinte serie de habilidades, polo que terei que trazar un novo plan, quizais modificando un pouco o anterior sobre a marcha. Estou contento co grupo, inda que non ten moito truco polo de agora: as loitas duras consisten en prepararse con todas as habilidades de mellora para despois atacar con forza, cruzando os dedos para que Tim pare os golpes e Aensland logre diminuír os ataques do inimigo. Neste compases iniciais é efectivo, pero é de supoñer que atoparei problemas cando aparezan múltiples inimigos grandes ou cando sexa preciso sobrevivir máis quendas. Para entón, con sorte, xa terei desbloqueadas as clases secundarias, multiplicando as opcións en cada loita. Coido que, se reparto ben os puntos, non debería ter moitas carencias importantes a partires dese fito.

Fin capítulo 1