<<

Dicey Dungeons. Capítulo 2

Intenteino. De verdade. Pero cheguei a un punto no que só pensar en repetir o episodio xa me dá unha preguiza terrible. Trátase dun desafío que non me resulta divertido e que, seguramente, non o estea a planear dun xeito correcto porque… non me resulta divertido. Nin capturas da pantalla saquei.

Logo de superar os 6 capítulos do guerreiro continuei co ladrón pola orde recomendada. Inda que non me gustou moito o personaxe na miña primeira volta, conseguín facer un pouco as paces internas e aprender a manexar mellor os diversos tipos de ataques e efectos; non me foi mal sempre e cando non forzase as sinerxías de veleno. O robot non foi tan decisivo como lembraba, pero unha vez superado o terceiro episodio, que era unha festa do azar, non tiven moitos problemas. A inventora tamén era das miñas menos favoritas, pero o segundo capítulo non foi moi terrible e o terceiro… o terceiro non o soporto! Non sei cantas partidas lle fixen, quizais non moitas máis de media ducia, pero o sistema ese de durabilidade do equipamento é un cambio moi grande sobre as regras habituais que esixe atención constante en cada combate, algo que non me presta nada, nin agora mesmo nin, polo que vexo, no último mes que levo sen abrir o xogo.

Realmente o meu plan para este segundo tramo de partidas era saltarme o ladrón e a inventora, co obxectivo de mellorar no xogo cos personaxes que máis me gustaron e, se cadraba, facer un último empurrón con esas dúas. para dar o xogo por completado (inda que non sei que sucede tras rematar os 36 episodios, imaxino que non será moito máis). Pero ao final púidome o e ir en orde, e non sei se foi unha maldición ou unha bendición, porque non querería verme máis apertado a conseguir esa vitoria do terceiro da inventora. Pola outra banda, non descarto aproveitar a relaxación mental de ter esta entrada escrita para probar de novo, idealmente pensando antes en cal pode ser a mellor estratexia e xogando todos os combates contando os usos de cada peza de equipamento. Pode que non sexa o máis divertido, pero polo menos tería a satisfacción do traballo ben feito.