Hoa
Por máis veces que lía o título do Hoa, sempre pensei nesas comunidades de veciñes ianquis que engaden máis regras de obrigado cumprimento a esa terra de liberdade. Tendo en conta que se trata dun concepto tan alleo a min coma o de starter home, non sei por que lle din tantas voltas mentres percorría os escenarios pintados a man deste xogo. Mais é lóxico, porque con algo tiña que ocupar a miña mente para compensar a carencia de desafío intelectual da proposta. O seu sería que aproveitase esas ondas cerebrais para pensar na natureza, a industria e algún outro tema que pretendera transmitir o xogo, pero é unha exposición tan típica e lenta que non me daba nin para iso.
Cheguei coa idea dun metroidvania tranquilo e sen mortes, pero vénlle grande o título. Máis ben é un paseo con poucas habilidades que se desbloquean ao final de certos capítulos, dun xeito moi artificial. Existen en cada mundo uns puntos que espertan ao espírito que alí vive e cinco bolboretas que lle dan poder para facer algunha natumaxia. Non hai ningún motivo para activar unhas e non as outras, nin poderemos solucionar o nivel sen pasar por todas, polo que a distinción é moi arbitraria e nada importante. Tamén perde graza que, inicialmente, as bolboretas son as que acaban outorgando as novas habilidades, pero nin sequera é unha lóxica que se manteña ao longo das dúas horas de aventura, xa que logo perden esa función e pasan a ser un macguffin que avanza a historia. Ou tamén queda cutre que, nalgúns puntos, xunten varias bolboretas nunha gaiola que son liberadas todas xuntas, coma se non fosen capaces de agochar cinco delas por separado na totalidade dos mapas.
Uns mapas que tampouco teñen máis atractivo que o de estar debuxados a man. As rutas son directas, os crebacabezas case inexistentes e onde o de facer e unha sección repetitiva totalmente a escuras lévase o premio ao peor deseño de niveis do xogo. De primeiras semellaría coma un pequeno experimento axeitado para os xogadores máis cativos, menos experimentados ou que buscan calma, pero o penúltimo capítulo remata cunha escena de acción non xogable bastante rápida e violenta, para rematar cun último capítulo con mecánicas moi experimentais nas que os controis pasan a ser complicados de manexar (sen contar o feito de que non se poida abrir o mapa se a protagonista está minimamente en movemento, que iso sucede dende o comezo). Porén, non sei moi ben cal pode ser o público que mellor aceptará todo iso.
Eu, sen dúbida, non o son. Pero tamén é certo que tampouco o son dos programas estilo Love It or List It e papei neles máis do que debería; coñezo dende o nome da axudante da deseñadora de interiores orixinal (Desta) ata o currículo da Jillian Harris da edición de Vancouver (quizais porque a palabra “bachelorette” faime certa graza). Agora mesmo diría que ate prefiro tragar con tres dos peores capítulos desa serie que rexogar este Hoa.