Etrian Odyssey IV: Legends of the Titan. Capítulo 2
A primeira parte desta segunda parte da cuarta parte do Etrian Odyssey non foi moi significativa. Fun avanzando no segundo mundo case en modo automático, pasando por unhas épocas de preguiza á hora de pintar o mapa e outras nas que cada muro era unha pequena satisfacción. Decidín gardar uns 2-4 puntos de habilidade en cada personaxe ata desbloquear as habilidades máis avanzadas do nivel 20, polo que xa me desviei do plan inicial. Dende ese punto estou improvisando coas eleccións mentres agardo a aparición das subclases. Non descarto facer unha replanificación das habilidades de Aensland, porque os seis puntos na habilidade de paralizar son demasiados para o mal resultado que dá comparado co dobre ataque normal, especialmente unha vez que atope outra maneira máis axeitada de causar ese tipo de efectos negativos. Obtiven unha pista coa arcanista convidada do terceiro andar, mais antes de chegar aí tiven que pasar por un par de encontros curiosos.
Ata o de agora estaba acostumado a que todos os inimigos grandes foran opcionais de loitar, converténdose máis nun pequeno crebacabezas de como esquivalos que noutra cousa. Mais no segundo andar do alxube principal atopei unha especie de moa que sempre bloqueaba o camiño, sen que atopara eu ningunha outra maneira de continuar avanzando. Ao final tiven que subir algúns niveis noutras pequenas incursións, mellorar un pouco o meu equipo e lanzarme de cara contra ela. Deu bo resultado á primeira, pero quedei coa sensación de que iso non tería que ser solucionado así. Do mesmo xeito, non atopei comida que afastase a un dinosauro xigantesco de diante do xardín das couzas, polo que batín nel varias veces ata que vencín no encontro; soubo raro tamén. [Busquei a solución para evitar ambas loitas e, efectivamente, existían].
Pensei que esas probas de forza eran un bo síntoma do ben facer do equipo, pero a loita final, inda coa personaxe convidada aportando algo de control e curación, levoume varios tentos. Boa parte dos fracasos débense a ataques moi poderosos que aniquilan dun golpe a algún dos compañeiros nas primeiras quendas. Seguramente estea confiando moito nas pasivas e nos ataques básicos, no lugar de buscar defensas ou diminución das ofensivas inimigos, pero tamén é certo que esa proba final do segundo mundo é un pouco trampulleira porque os inimigos tiñan unha posibilidade de esquiva excesivamente alta, o cal outorga moita variabilidade a certas estratexias. Polo de agora, continuarei co plan actual ata que poda reforzar as carencias coas subclases. Despois de todo, non deixa de ser un xogo de números e, con tempo abondo, sempre podo pasar os desafíos pola forza. Outra vez.
Fóra do tema de combates coido que xa teño todo máis ou menos controlado. A novidade do alxube principal foron uns puntos que teletransportaban ao grupo no mapa, dando uns moi lixeiros rompedeiros de cabeza á hora de debuxar a ruta, pero diría que estaba máis que compensado porque o tamaño da área válida semellaba bastante máis pequena que de costume. Nas covas máis pequenas completei todas as buscas relacionadas, máis ben é certo que o mapa quedou sen pintar na súa totalidade e lembro, polo menos, un cofre para o que non atopei a chave. Penso que non vale a pena volver porque, sexa o que sexa, non será preciso para rematar a aventura e, se cadra, nin sequera dará máis ca uns poucos cartos. Non é que a moeda non faga falla, pero son doadas de atopar se ese é o noso obxectivo, por exemplo percorrendo todo o ceo mentres apañamos as bestas, peixes e colleitas que alí se atopan. Non conto con que o futuro traia sorpresas en todos eses sistemas, polo que quizais intente avanzar dous mundos antes de escribir un novo capítulo; o cal tamén era a miña idea aquí e logo escribín máis de 600 palabras, así que xa veremos.