<<

Terror of Hemasaurus

Se non contamos Moana, coido que a única película protagonizada por Dwayne Johnson que vin (case) enteira foi Rampage. Non foi unha visión pretendida pero si que me entrou algo a curiosidade cando sumei o título e o que pasaba na pantalla. Supoño que se saíra uns 20 anos antes podería ter sido unha das miñas películas favoritas desa época na que alugábamos videoxogos no Blockbuster para pasar unha fin de semana inda máis entretida. Un deses foi o Rampage World Tour para a Nintendo 64, no que pasabamos bastantes horas ata que escachamos, a dous xogadores, todas as cidades da Terra, e ata unha da Lúa. O xogo orixinal desa saga, saído 11 anos antes, non o probaría ata a máis adiante, e das secuelas posteriores non teño nin idea, polo que o World Tour é o meu referente de entre todos os xogos kaiju. E, inda que pasaron moitos anos dese sábado trasnoitador de esnaquizar cidades, o manexo do World Tour inda reside nunha parte do meu cerebro que confundiu moito o comezo deste Terror of Hemasaurus.

Salto

A miña primeira intuición foi subir ao edificio máis alto do comezo e comezar a golpear cara abaixo, unha das técnicas máis efectivas no Rampage. Inda que pasei polo titorial, non aprendín ben como facer que a salamántiga xigante agarrase as construcións ata ben entrado o primeiro capítulo, inda que me levou menos tempo o de decatarme que non había xeito de poñerse de pé nos cumios dos rañaceos. As sinxelas regras de destrución dos Rampage trocaron nunha simulación con físicas propias moito máis caóticas, de maneira que podemos facer que un edificio caia debilitando puntos estratéxicos e permitindo que a gravidade faga o seu traballo. É complicado (polo menos para min, nas tres horas que xoguei) de prever o que pasará ou como derrubar eficientemente un xigante de formigón, pero iso engade bastante marxe de improvisación á hora de enfrontarnos cunha nova cidade, algo do que adoecía, se os meus recordos son correctos, o World Tour.

Abolir a policía

Para presentar algo máis de variedade, o desenvolvedor decidiu que o modo principal de xogo sexa unha serie de misións con obxectivos diversos. Deste xeito atoparémonos guiando o monstro para eliminar cepelíns, rescatar gatiños ou darlle o fin que se merece a un malvado capitalista. Entre tanto, teremos unha liña argumental radical onde se expón a necesidade de decimar a poboación para salvar o planeta do devastamento ao que está sendo sometido. Tampouco agocha a faceta cómica facendo autoreferencias a si mesmo e ao xogo, pero non penso negar que acepto moitos dos outros argumentos filosóficos a prol da saúde global. Non faltan artigos nos que se tenta amosar o negativo de, por exemplo, ter descendencia, pero pouco se fala que trocar (literalmente) unha vida máis contaminadora por unha que non produza tanto CO2 é un cambio positivo a nivel global. Non vou mencionar máis porque non quero que unha das sete persoas que lean este diario sexa traballadora do CNI, pero teño o ensaio ese que fala algo da sociedade industrial e o seu futuro na lista de lecturas pendentes.

Xente verde

Polo de agora confórmome con facer eses pequenos xestos para que o mundo non se vaia a merda tan rápido. Ou, máis ben, para quitarme a culpa que quizais non teña. Non sei se valida xogar na Steam Deck no lugar dun ordenador de 1000W, xa que foi aí onde descarguei todo o terror do amigo do Hemasaurus nunhas tres sesións. Non quedei con ganas de máis inda que fora divertido. Amais, notei a melloría das miñas habilidades a medida que avanzaba nos capítulos, chegando a ter unha puntuación no posto 20 do mundo no meu primeiro tento nunha das pantallas finais (no resto andaba polos 2000-3000, dependendo do ben que se me dera). Con todo, o xogo cumpriu a súa función de entreter por menos cartos do que custaba alugar o Rampage World Tour tres días, e quédame aí na ludoteca por se algún día quérolle dar outra volta.

Récord