<<

Dreaming Sarah

Arribei en avión dende moi lonxe, ata a costa leste dos Estados Unidos de América. Alí afinqueime na casa dun amigo pola que el non paraba moito, pero abofé que os seus compañeiros e compañeiras levaban unha vida máis activa alí dentro. Non dubidaban en prepararme unha habitación para durmir ou convidarme a comer, inda que semella que eu estaba por riba desas cousas terreais porque sempre escapaba nos momentos relacionados. Nunha desas, despois de axudar a preparar unha mesa baixiña para unha ducia de comensais e uns asentos no chan, marchei dar unha volta. O edificio estaba no extremo dunha cidade con construcións sen moita altura, e decidín pasear sen rumbo nin destino.

Comezo

Os meus pasos leváronme a un supermercado pequeno, moi ao estilo europeo, que tamén tiña seccións de xoguetiños e fogar. Quedei mirando as fregonas e, de esguello, tamén ao persoal que alí traballaba, por simple curiosidade. A miña fixación viuse interrompida por uns movementos na rúa. Saímos todos de contado para atopar unha escena sanguenta, quizais un accidente de tráfico, pero polas reaccións dos transeúntes parecía un dobre asasinato cunha arma de fogo. En estado de conmoción polo presenciado, movinme automaticamente cara o interior dun edificio de tres plantas. Alí había moitos cidadáns presentando os seus respectos ás vítimas, e preparando uns agasallos para as familias de ambas. Eu podía participar, pero tiña que escoller entre engadir unha manta verde ou unha beixe, dependendo de a quen quixera axudar. Non entendín nada e, achacándoo a unha barreira cultural, decidín saír do que entón claramente era unha comisaría e volver para o piso do meu amigo.

Ollos

Falando con el do que visitara eses días decateime de que nunca camiñara cara o leste. El amosoume nun mapa a razón: alí non case había máis que torres de alta tensión que daban enerxía a toda a cidade. Con todo, emprendemos camiño cara alá coa idea de subir a algunha delas. Iso foi moi complicado, porque había unhas cancelas azuis brillantes que impedían o paso; logo atoparíamos a pantasma dun señor que nos diría como manexar as cancelas ao noso gusto, pero xa se nos marcharan as ganas de volver. No seu lugar, fomos a unha sección medieval, con moitos libros de historia, catapultas e traballadores disfrazados de cabaleiros. Resulta que esa cidade antes era unha importante vila medieval (si, no “novo continente”) e continuaban así ese legado.

Segredo

Aí xa espertei. A noite anterior pasara algo máis dunha hora xogando ao Dreaming Sarah, instalado un pouco por casualidade sen ter lido as dúas primeiras liñas da descrición: que a protagonista estaba en coma (nada novo) e que estaba influído polo Yume Nikki (algo bastante obvio despois dos primeiros cinco minutos). Non sei, estes xogos non van moito comigo, inda que agradecín máis a proposta en forma de metroidvania. As cousas aparecían de súpeto onde antes non había nada, pero curiosamente fun atopando todo de maneira bastante eficiente para o perdido que estaba en todo momento. Iso si, pedín papas case no final, seguindo unha guía para saber que había que entrar nun dente a través do mundo do reloxo e, xa postos, para atopar os dous segredos que me faltaban. Xa podo desinstalar o xogo e, de paso, borrar o Dear Esther da lista de pendentes. Mellor invisto o tempo en rematar as poucas páxinas que me quedan do último de Murakami, que tamén é onírico e (polo de agora) tampouco moi recomendable.

Dentista