<<

Ugly

Souben unicamente deste Ugly polo bloj de NeoJin, e xa me esquecera de todo, agás da súa recomendación, cando din en mercalo. Mais nos primeiros quince minutos xa atopei que esa confianza pagou a pena; atopábame abraiado polas posibilidades de poñer o reflexo en calquera sitio e, ao mesmo tempo, do obvio da idea. O meu único medo era se sería capaz de seguir eu o ritmo, porque xa mesmo na primeira sesión solucionei un dos encargos de casualidade, dunha maneira que non sabía replicar por aquel entón. Fun durmir e, o día seguinte, avanzaba coma unha exhalación por todos os crebacabezas que atopaba. Nada me freaba, agás o sono e a necesidade imperiosa de chegar a cama o antes posible; foi unha semana de pasar bastante sono.

Chave

Os meus maiores atrancos foron coa mecánica de bloquear a sombra coas paredes e chans de xeo. Lembro ben pasar media hora nun exemplo moi contido, ir durmir e probar de novo a noite seguinte, obtendo a chave da sala tres minutos despois. Iso si, sen ter nada claro o que fixen. Menos mal, porque en contra das convencións actuais, o xogo está estruturado de maneira que non podemos ter máis dun crebacabezas pendente de resolución ao mesmo tempo, xunto a necesidade de atoparlle solución para seguir avanzando. Neste caso non funciona mal, porque son curtos, sen grandes saltos de dificultade e a imposibilidade de trocar de contexto axudaba a centrar os esforzos no canto de abandonar e pasear por todo o castelo. Entre medias tamén ía atopando as diversas memorias do protagonista que, ademais de aportar coñecemento sobre o transfondo, outorgaban un logro de Steam. Aí abofé que me pillaron, porque ultimamente ando moi atento a apañar todos os posibles dos xogos polos que paso; teimas que ten un hoxe en día, non sempre fun así polo que xa curarei.

Xeo

Pareceume un pequeno detalle que facía esa recolección de lembranzas máis satisfactoria. Seica tamén fai falla atopar todas para avanzar no acto de despois dos créditos e así obter o mellor final, mais eu fiquei contento con ese primeiro final, que explica abondo, e sen moitas ganas de pescar as memorias perdidas, en boa parte porque non entendo de todo o mapa do centro do castelo e a súa consulta é algo tediosa. Tamén hai que solucionar uns crebacabezas adicionais que, polo que lin en diagonal, teñen unha dificultade bastante alta coa que tampouco desexo topar. Seguro que aporta moito máis a todos os estudosos dos videoxogos, pero eu estiven máis que contento ao me decatar que non hai ningunha morte, xa que todos os bloqueos ou golpes poden ser arranxados dándolle un grolo á botella que sempre leva o protagonista enriba. Pensei que tanto beber podería ter afectado ao final obtido, pero non pensei en algo que lle lin ao desenvolvedor: eses tragos simbolizan que o protagonista emprega o alcol cada vez que se ve atrapado. Moi fino e intelixente, e é xusto o tipo de cousas que eu non son quen de aprehender en directo, e moito menos con tanto sono no corpo. Boa noite!

Final