<<

Roundguard

Aí atrás xoguei o Peggle Deluxe ata completar todos os desafíos e graduarme con honra no instituto do unicornio aquel. Dende aquela pasaron moitas cousas, entre as que toca destacar a publicación deste Roundguard (2020) e do Peglin (2022), porque comparten as mecánicas de lanzar bóliñas que rebotan e rebotan. A novidade do Roundguard é que a bóla é o protagonista que avanzará por tres actos con inimigos comúns, élites, xefes, reliquias e todas esas cousas que xa coñezo de pasar moito tempo no Slay the Spire. Coa diferencia de que aquí, tras unhas pouquiñas horas, non o vin coma un mar de contido senón coma unha lagoa na que non me quero meter.

Logo

Partindo do Peggle engadíronse máis e máis sistemas que sacrifican a sinxeleza do orixinal para outorgar unha profundidade que non me prestou. Se no outro tiñamos unha pantalla que superar a base de lanzar bóliñas, aquí son unha morea delas, divididas en tres actos, facendo a experiencia moito máis longa e con moito máis que perder en cada disparo. Porque xa non son un número limitado de pelotas a lanzar antes de ter que repetir o nivel, senón uns puntos de vida finitos que poden baixar de súpeto nun lanzamento mal dado. Como o obxectivo pasa por eliminar a todos os inimigos golpeándoos, e eles fan un contraataque ante cada impacto, non deixaremos de reducir os puntos de vida da nosa protagonista. Iso, combinado con habilidades activas, pasivas e certa variedade de escenarios, non soa mal na teoría, mais atopei que na práctica non é tan satisfactorio como imaxinaba.

Roundguard

Abandonei varias partidas coas personaxes iniciais logo de superar o primeiro acto, porque simplemente non quería xogar máis ese día e, unha semana despois, prefería volver probar dende o comezo con outra. Afinquei finalmente na druída, que ten unha habilidade de teletransporte moi doada de empregar, de maneira que, mentres tivese maná, podía seguir coa quenda. Nesa partida tamén tiña activado a medalla de “misericordia”, así que todo era máis doado que de costume, pero foron tres sesións en tres días diferentes as que me levaron á miña primeira vitoria con, supoño, bastante pouco mérito. Polo menos sentín algo de poder nas miñas mans grazas a aquela habilidade de movemento e a que os inimigos non golpeaban tan duro. Albisquei dese xeito un pouco o que podería resultar deste deseño, pero confirmei que non era para min. Eu pensaba que xa se me pasara a teima contra os roguelites, pero cada encontro coa meirande parte deles déixame as mesmas sensacións de fastío ante cada partida e preguiza ao ver os sistemas de avanzar entre as mesmas.