<<

Rage of Mages. Memorias dun neno xogón

Nos meus primeiros tempos de xogón de computadora atopei este Rage of Mages nun quiosco, sendo un xogo que me marcou bastante para o pouco que avancei na campaña. Lembro que as súas misións eran especialmente longas e complicadas, polo que de vez en cando comezaba unha partida pero penso que nunca pasei da terceira ou cuarta. Ás veces probaba unha guerreira, ás veces unha maga, pero o resulta viña ser o mesmo: morte porque se achegaban máis de dous inimigos ao mesmo tempo. Non teño dúbida que agora, con máis paciencia e coñecemento, podería profundar nos escenarios e, pouco a pouco, solucionar bastantes máis. Pero, por aquel entón non foi o caso, e non moito máis tarde chegaron outros xogos como o Diablo 2 que xa soterrou definitivamente este Rage of Mages que nunca souben pronunciar moi ben (ese rage rima con mages? Ten pinta de que iso pretendían os rusos creadores, pero inda que eu ás veces dicía “reix of meixs” nunca soou ben).

Quiosco

Curiosamente onde lle saquei máis partido foi no modo en liña. Ollo! Que eu non tiña internet! Soñaba con que algún veciño meu tamén tivera un ordenador e conectalos cun cable para poder así xogar con alguén (non tiña nin idea de que era iso dunha “IP” ou as outras opcións que poñía no menú), pero evidentemente nunca se materializou. Non obstante, o bo dese modo en liña era que existían mapas abertos, sen misións fechadas, que podía explorar libremente mellorando as miñas personaxes aos (moi) poucos. E foi aí onde se marchaba o meu tempo, atraendo aos trogloditas un a un para logo vender o seu equipo na cidade e mercar algo novo para a protagonista dese día. Había moreas de cousas para comprar, con varios niveis de material que combinaban moi ben na icona de abaixo á dereita; ás veces daba un pouco de mágoa cambiar un casco se non podías mercar as botas, armadura, ombreiras e escudo a xogo. Os magos non tiñan tanto problema, pero non lles quedaba outra opción que deixar todos os cartos na tenda se querían completar o seu libro de conxuros.

Feitizos

Non resultaba tan satisfactorio como traballar mecanicamente durante unha hora para mercar un escudo novo, pero atopei a opción de crear os meus propios mapas con poderosas feiticeiras aliadas. Unhas personaxes ás que lles atraía inimigos poderosos para que as matasen, quedar con todo o seu equipo poderoso e así poder mercar libremente na tenda todo o que me petase. Deste xeito, polo menos, explorei todos os feitizos e o equipamento máxico, algo que me quedaría a moitas misións de distancia se algún día probaba de novo a campaña. Logo non quedaba outra que forzar algunhas loitas para mellorar as habilidades, manexando ás protagonistas coma se fose un xogo de estratexia en tempo real, unha especie de DotA pero con movementos inda máis ríxidos e desesperantes.

Atrás

Con todo, gardo bos recordos, pero sen dúbida é un xogo que será mellor manter na cabeza porque calquera aproximación ao mesmo pode ser un exercicio de frustración bastante grande. Nesa época xogaba tamén moitas demos, porque viñan coa revista mensual que mercaba e non esixían desembolsos de cartos, polo que seguramente me pague máis a pena buscar algún deses que tanto xoguei á versión limitada e exploralo un cuarto de século máis tarde con estes ollos máis sabios e con peor visión. O primeiro deses que se me vén á mente é o Magic & Mayhem, que tamén pode resultar bastante duro hoxe en día. Investigarei un pouco, polo menos.