Escape Yourself
Nunca probei unha desas habitacións de escapar comerciais. Os motivos son varios: os crebacabezas que imaxino que teñen non me gustan por seren demasiado artificiais, a presión temporal non me apetece, non me quero sentir incapaz de resolver algún escenario, hai que trazar un plan con outra xente en base ao lugar e dispoñibilidade, penso que son demasiado caros, etc. Pero especialmente porque penso que son demasiado caros, e eu son de perfil aforrador, non nos imos enganar.
Falando do cal, elixín xogar este Escape Yourself por varios motivos: funcionaba no meu móbil, tiña boas críticas, parecía ben feito, a temática resultaba atractiva, era de balde, etc. Pero especialmente porque era de balde, polo mesmo motivo que xa comentei no parágrafo anterior. Se cadra por iso mesmo, pasei varias semanas sen case pasar da introdución, ata o punto de que xa non lembraba nada cando o retomei. Tampouco semellou moi importante, porque os crebacabezas que tiña abertos non requirían coñecemento anterior que xa esquecera. Varios trataban de atopar un código nun sitio (por exemplo un cartaz que indica o modelo do tren no que viaxa o protagonista) e introducilo noutro que non ten que ver (no cadeado dunha caixa que garda chaves). Trátanse do tipo de cosas que penso que hai nesas escape rooms que mencionaba ao comezo e que non resultan nada verosímiles, pero aquí pasan máis ou menos por certas porque é unha versión estraña do noso propio mundo.
Ao espertar vemos ao resto de pasaxeiros demasiado absortos no seus móbiles, poñéndose moi agresivos se intentamos relacionarnos con eles. Logo hai símbolos satánicos, corvos con tres ollos e outras cousas semellantes que, de velas en directo, faríannos dubidar da nosa cordura. O protagonista vai caendo neses pensamentos a medida que avanzamos polos vagóns do metro, ata que atopa un demo con cabeza de cabra que encarna a superstición; polo camiño atopamos espellos rotos, crucifixos, o número 13, escaleiras para pasar por debaixo… polo que non saíu da nada. Despois desa tolería o protagonista esperta de novo nuns túneles iluminados por setas brillantes. Alí, seica hai un código para saber a ruta de saída, pero eu non atopei o papel e avancei a base de proba-erro-memoria. De feito, xa forzara do mesmo xeito algún outro crebacabezas previo, o cal me levou a pensar que non estaba preparando mentalmente para este xogo. Logo de superar ese labirinto, decidín ver unha guía para saber como o tiña que ter percorrido, e aí atopei que levaba xogado un capítulo dun total de quince. Non tiña ganas de adicarlle máis tempo (curiosamente o seguinte capítulo era “impaciencia”) así que saltei directamente cara o final da guía para ler o final e din a experiencia por rematada. Non me arrepinto nin un pouco.