<<

Ampu-Tea

Seica houbo un tempo no que eu xogaba pero non escribía despois sobre os xogos. Nesa prehistoria persoal probei o Ampu-Tea, apañando un puño de logros en media hora de sufrimento. Aí podía rematar a miña relación co mesmo, pero onte baixeino para a Steam Deck e, grazas a un amable usuario da comunidade, pasei outros quince minutos con dor de mans sen ser capaz nin de coller unha bolsiña de té. A verdade é que o sistema de control era tan enxeñoso como incómodo para as miñas pequenas mans. 100% auténtico. 100% doloroso. 100% xogo desinstalado.

Comezo

A que non ten problemas en servir boas infusións é Koishi, a directora da axencia de investigación culinaria que protagoniza o libro traducido ao castelán como Los misterios de la taberna Kamogawa. Pilleino impulsivamente na biblioteca, só pola portada e porque semellaba rápido de ler, e abofé que así foi pois non tardei máis de dous días, inda que confesarei que cando apareceron nas primeiras páxinas os dous policías retirados pensei que xa me metera nunha desas novelas de pestañís que non me pracen.

Cunca

Mais non, está dividido en capítulos independentes e autónomos, cun padrón tan marcado que case se escriben sós. Na primeira parte de cada un alguén ve un anuncio dos detectives nunha revista, chega ata a taberna, observa ao gato e aos comensais habituais, vai á entrevista con Koishi, mira as fotos que hai polo corredor, menciona que é un lugar case imposible de atopar, outorga poucos datos do prato que desexa investigar, marcha para volver en dúas semanas e Nagare ponse en marcha inmediatamente cara o lugar de orixe da comida deste episodio. Na segunda parte a clienta volve, proba o menú que encaixa exactamente coas súas lembranzas, fica contenta, Nagare explica como deu con todo, pídenlle que pague a vontade nunha conta e logo pai e filla celebran con comida e, a miúdo, alcol o éxito da misión. Entre medias aparecen descricións longuísimas das diferentes comidas, case sempre cos termos orixinais en xaponés, de maneira que hai parágrafos nos que a metade das palabras están en cursiva. A min, que nin son moito de comidas nin sei diferenciar un shinosuke ao forno dun nobita ao vapor, non me dicían moito, pero quizais alguén con fame de comida xaponesa poida gozar máis desas pasaxes.

Epico falhar

Con todo, resultoume bastante agradable. Non ten máis pretensións que contar esas pequenas historias curtas que sempre acaban ben. De cando en vez contan algo máis das personaxes secundarias, pero as caracterizacións son básicas e avanzan a ritmo glacial. Seica o autor atopou aí un bo filón, porque existen polo menos catro libros e unha serie da NHK. Non me importaría pasar outro par de tardes con algunhas das secuelas, sen dúbida prefiro ver a Koishi servindo un mizugashi e té genmaicha que encargarme eu do brazo robot do Ampu-Tea para facer algo similar a un Earl Grey.