Konna
Supoño que, a estas alturas, haberá máis cativada que saiba como fabricar un pico no Minecraft que o número máximo de liñas que se poden eliminar cunha única peza no Tetris. Polo menos semella que o xigante de Mojang leva instalado unha década nos recreos das escolas galegas. Non é complicado atopar rapazada con roupa licenciada desa marca e, inda que de seguro que moitos xogaron pola súa conta, non me sorprendería saber que moitos dos que visten así só coñecen o videoxogo por osmose cultural ou por ver vídeos doutra xente xogando. Tamén penso que, con todas as virtudes que ten e sen coñecer nada das versións máis modernas, o Minecraft non é unha experiencia doada de aprender, polo menos sen axudas externas. Esta Konna, sen pretender nada, poder ser unha mellor aproximación á parte de obter materias primas para construír ferramentas para obter máis materias primas.
Criado para unha jam, pódese diferenciar doutros éxitos coa mesma orixe coma o Die in the Dungeon ou o Lost For Swords en que foi completamente finalizado no tempo permitido, sen ánimos de seren expandido máis adiante ou comercializado. Deste xeito fica coa súa sinxeleza de aventura curta totalmente completa, na que comezamos plantando unhas árbores (para os que tamén sexades de cidade coma min: non fai falla quedar quieto mentres crecen, sábeno facer elas soas) e rematamos rescatando á familia da ra protagonista dunha cárcere no fondo do mar. Non sabemos nada máis da historia detrás dese encarceramento, nin se é unha metáfora do xene neoliberal, nin se Konna é o nome da nosa personaxe ou se refire a outra cousa (mais se a Hyundai non lle pasou factura, non llo imos ter en conta ao bo de Tossu).
Cun deseño tan limitado é ideal como alternativa a xogos sen fin, como o mencionado Minecraft ou o máis semellante Terraria, de maneira que poden resultar en sesións máis curtas sen que atrapen totalmente á persoa xogadora. Dentro dese marco é posible pasar o tempo pescando, rompendo todos os bloques ou cronometrando o que se tarda en acadar os créditos. Non se trata dun xogo creativo, nin esixente, nin infinito, nin pretende ser nada diso. Só é exactamente o que é: Konna.