<<

Minimalism

Dentro de min hai dous lobos. Un desexa experimentar xogos ben deseñados que propoñan sistemas vangardistas. O outro despreza o New Super Mario Bros e pasa catro horas xogando a un plataformas con case nada positivo. Minimalism, é o título, pero igual aplica máis ao desenvolvemento que ao resultado.

Miniplataformas

O primeiro escollo é o control. Polo menos na Steam Deck, só a panca esquerda permite mover o cadrado protagonista e non hai maneira de axustalo dentro do programa, algo que podería ser minimamente axeitado se a activación do movemento non fose discreta. Levaba xa a metade dos niveis superados cando decidín activar, no menú externo da consola, o uso da cruceta, convertendo os controis en algo lixeiramente máis razoable. Inda así, as sensacións non son boas porque a figura ten demasiada inercia, a mecánica de saltar dende as paredes ten algo raro e, por último, existe un deses “erros ascendidos” que fai que sexa posible trocar de sentido no aire ao darlle de novo ao botón de salto. Non é nada que sexa aparente, nin hai un efecto gráfico que corrobore o que pasou, pero é algo que temos que descubrir pola nosa conta para poder superar un dos primeiros niveis. Conseguino de casualidade logo de esgotar todas as outras posibilidades de pasar por riba dese pico asasino, xa que esa técnica diría que nunca estivo presente en ningún outro xogo de pinchos.

Salto cara atrás

Aí ficou claro que o deseño de niveis non era unha área na que destacase este xogo, pero quizais o menos malo. Todos os niveis, inda que de dificultade moi variable, teñen os elementos mínimos precisos para ser superados, incorporando coleccionables máis ou menos espallados para fomentar un pouco de exploración e risco. Supoño que foi aí onde me gañou, porque vin pronto a posibilidade de conseguir todos os logros e foi o que me animou a seguir. Algunha vez parei por unha pequena desesperación, pero nada ao que non estea acostumado hoxe en día: non atopei desafío que non puidese superar cun pouco de precisión e repetición, por moito que a cámara, ás veces, agochase a continuación do nivel e tivese que xogar un pouco por intuición nalgunhas caídas. Algo que, por certo, non está presente se xogas nunha pantalla máis grande, o que incide máis en que, a todas luces, é un mal xogo.

Chimpo

Con todo, non negarei que o pasei ben/mal varias veces. Por exemplo cando tiña a porta de saída do penúltimo nivel ao meu carón por vez primeira, a un salto de obter a vitoria que se me escapara nos anteriores dez minutos, para xusto aí meter a zoca e ter que comezar de novo. Obviamente non tardei en achegarme de novo e solucionalo ben, pero as sensación dese intre perduraron durante o resto da sesión. Pero xa non faltaba moito máis, o último nivel foi un paseo, e o adicional era máis complicado por longo que pola técnica precisa. Xogo finalizado, todos os logros acadados e sen moitas ganas de probar máis xogos de chimpos polo de agora, independentemente do lobo ao que lle poidan prestar máis.

Fin