Alex Kidd in Miracle World
Artigo escrito orixinalmente no verán do 2021.
A Master System II foi a miña primeira consola e, por tanto, o Alex Kidd in Miracle World que viña incluído, o meu primeiro videoxogo. Non resultou ser dos meus favoritos (entre outras cousas, as pantasmas que perseguen poñíanme moi nervioso) nin dos que mellor se me daban, polo que nunca estiven preto de rematalo. Pode que, nun bo día, chegase ata o volcán ou o bosque, e penso que só vira o castelo azul unha vez na miña vida, e nin sequera teño moi claro se o que xogaba era eu. Pero, como de complicado pode ser tres décadas despois? Xa xogara algunha partida nun emulador de cando en cando, pero case sempre remataba antes de tempo por ter perdido algunha vida nun punto que non debería. E tamén dá preguiza ter que tirar do móbil para acertar no pedra-papel-tesoira, xa que non penso exploralo en directo e tomar as miñas propias notas.
Na primeira partida conseguín entrar no castelo azul, seguramente batendo a miña mellor marca da historia. Non semellaba un mal comezo pero, logo de ver un vídeo con todo o que viña a continuación, estiven a piques de deixalo aí. Finalmente, collín a consola outra vez o día seguinte e atopei o castelo laranxa! E logo dun segundo fracaso consecutivo no mesmo nivel, decidín seguir unha guía para centrarme na execución e non na exploración do labirinto. Tampouco foi a panacea, e perdín outras tres partidas nas diferentes habitacións laranxas. A vitoria viu con moita emoción, xa que non fun capaz de brincar no momento axeitado e quedei sen poder empregar o bastón de voo para atallar e evitar unha complicada zona submarina. Nesa pantalla, que puntúa extremadamente alto na clasificación de lugares virtuais que non quero volver visitar, tiven que aproveitar tanto un obxecto especial coma a invulnerabilidade logo de perder unha vida para poder saír de aí con moita sorte. Con media ducia de vidas menos, percorrín o que quedaba de castelo e vencín ao malo final, primeiro no pedra-papel-tesoira e logo no puño-na-túa-cara.
Todo solucionado? Pois non! Inda faltaba un último nivel onde había que introducir un contrasinal e coller a coroa. Amañeime para perder aí todas as vidas agás unha última, coa que cheguei a ver o satisfactorio final do xogo. Satisfactorio para min, claro, que para o Alex non o é tanto, polo que nos contan no epílogo. Unha das cousas que non lembraba en absoluto dos meus tempos mozos é a cantidade de texto que aparece entre unhas cousas e outras. Obviamente con cinco anos non dominaba o inglés e só sabía verbas coma “punch”, “jump” ou “brake”’ de facer enxeñería inversa dos menús dos videoxogos (doutros, que este comeza a lume).