<<

knakk

knakk é un pequeno solitario de cartas virtual que, amais de ser de balde, tamén é un programa libre que se pode executar en moitas plataformas. Eu escollín o meu Android habitual, mercado hai máis de catro anos, xa que semellaba un bo entretemento para eses intres nos que desconectar, mirando fixamente unha pantalla mentres o tempo pasa e pasa sen que atopemos forzas para facer outra cousa. O de todas as aplicacións de grandes corporacións pero sen que o creador teña interese en manterte nese estado de maneira sempiterna.

Comezo

As regras son moi sinxelas, pero confirmo que o tempo dunha viaxe en ascensor non é abondo para comprendelas; intenteino tres veces antes de probar con calma nun sofá. O resumo é que das tres cartas que tes na man escolles o pau dunha para seleccionar un taboleiro e o número doutra para colocala nunha casa en particular que cumpra os requisitos. Con cada carta xogada obtéñense puntos, comodíns para substituír un naipe da man ou a posibilidade de duplicar dúas cartas. Esta última posibilidade podería ser replicada con cartas descartadas, pero o taboleiro virtual permite que aparezan copias exactas inmediatamente, o que fai que sexa máis cómodo que unha suposta versión física para a que tamén necesitaríamos as táboas de posicións e puntos impresas.

Fin

Unha vez pasado o titorial inicial, a miña experiencia coa aplicación viu marcada polos bos resultados das partidas inicias, cando pensaba que non me decataba de moito. Por tanto, sería unha sorpresa cando fiquei atrapado sen ser capaz de superar ese 80 da terceira partida. Probei diferentes estratexias e non había xeito, polo que adiquei unha noite a xogar varias partidas consecutivas co fin de, polo menos, chegar a 81 puntos. Por sorte apañei 92 antes de que resultase moi tarde e pechei contento a aplicación. Dende entón, non tiven ánimos de darlle outro tento, máis polo pracer de retirarme cunha puntuación decente que por outra cousa. Logo atoparía que é posible empregar a opción de duplicar dúas veces na mesma quenda para obter moitas máis cartas, pero non me atrevo a forzar esa situación e tardar outro bo feixe de partidas en achegarme a ese último número alto que obtiven.

Resultados