<<

Ittle Dew

Supoño que algún día regalaron este Ittle Dew en algures, ou viña nalgunha colección con outros xogos máis interesantes, porque non teño recordos de mercalo. Tampouco estaba na miña mente xogalo, en parte porque non me atraía o estilo gráfico, pero lin por aí dúas mencións (unha que non lembro e a outra en Hardcore Gaming 101) que falaban moi ben del, así que me espertaron a curiosidade, máis que nada porque o xogo xa ten os seus anos e parecía curioso que atopara un par de louvanzas sen procuralas nin por un motivo común.

Comer corazóns

E así foi como Ittle Dew, a rapaz protagonistas, chegou a unha illa misteriosa, suceso que me fixo lembrar o Link’s Awakening, algo quizais pretendido porque non ten medo de honrar e parodiar a todos eses xogos que influíron no desenvolvemento deste. Mais, inda que a comparación cos Zeldas sexa a primeira que vén á mente, realmente está máis preto do Goof Troop con diferentes maneiras de mover bloques para resolver as moreas de crebacabezas que invaden os seus alxubes non lineais. Este exercicio de deseño é referenciado directamente pola protagonista, e tamén e parte dos diferentes logros, que pretenden animar a comezar de novo varias veces para rematar o xogo con diferentes combinacións dos obxectos que o comerciante nos axuda a obter para resolver os enigmas do castelo central. Eu apañeime tan só coa espada de lume e vara de xeo, sen sequera visitar o alxube que outorga a maxia de teletransporte, e nunca botándoa en falla.

Non lineal

Cabe destacar que os crebacabezas, inda que bastante básicos na súa concepción, poden resultar bastante complicados. Existen algúns camiños etiquetados “só para profesionais” nos que tiven que abandonar porque non me daba a cabeza para imaxinar como resolver ese Sokoban de bloques de xeo. Por sorte, son opcionais, ao igual que moitísimos outros que desbloquean cartas coleccionables, así que non tiven que tirar dunha guía coma no xa mencionado Goof Troop.

Goof Dew

Todo iso nunha escasa hora e media, na que estiven bastante perdido cada vez que saía e volvía ao castelo, xa que nunca fixen un mapa mental do mesmo e o sistema de atallos mediante portais non me axudaba a localizarme ben; lembrei aquel comentario dunha amiga que dicía que coñecía a súa xigantesca cidade en relación ás estacións de metro, non sabendo con certeza como se comunicaban unhas con outras camiñando pola superficie. Aquí un pouco do mesmo, logo de volver cunha arma nova entraba nun portal ao chou e comezaba a pasar por portas ata que aparecía unha sala que non me soaba ou que non podía resolver con anterioridade. Non é unha técnica moi recomendable pero, curiosamente, serviu para derrotar o xefe final en pouco tempo. Inda hai moita marxe de mellora, porque un logro nos invita a conseguilo en menos de quince minutos! Vin un vídeo e non parece complicado se copiamos os seus pasos, pero para iso precisaría outro xeito de xogar que fixera máis cómodo seguilo paso a paso. Quizais para outro día, xunto co de chegar ao final con outro conxunto diferente de obxectos.

Durmida