Scrap Friends
Os Scrap Friends son a típica parella opresor-oprimido na que o primeiro sente compaixón e acaban fuxindo xuntos. Mais aquí acaba o típico deste xogo, xa que o resto é bastante particular. Todo comeza premendo rapidamente na pantalla (polo menos na versión móbil) para unir as mans dos robots protagonistas. A continuación comezan a camiñar e teremos que ir dándolle co dedo a todo o lixo que atopemos pola longa estrada. De primeiras é complicado entender o sistema de combinacións e melloras, porque mentres esteamos atentos a procurar e recoller o lixo non temos os ollos como para ler o resto de cousas que aparecen na pantalla, pero a idea é a clásica: canto máis apañemos, mellor. Cada certos metros avanzados aparecerá un verdugo ao que teremos que disparar para que lisque, evitando recibir danos no proceso. Non sei se foi porque é moi doado, porque apañei moito lixo ou porque son moi bo para estas cousas, pero a cuestión é que só recibín dano unha ou dúas veces polo que non sei o que pasa cando quedas sen vida, amais de desbloquear unha memoria mediante o sistema de logros.
Esas memorias serven para contar cousiñas do pasado dos protagonistas e entender un pouco máis por que van xuntos e cara onde. Tamén anima a darlle unha nova volta logo de chegar aos créditos, porque moitas desas instantáneas só poden aparecer en sucesivas partidas. Eu desbloqueei apenas a metade e teño certa curiosidade polo resto así que, se cadra, pasarei algúns minutiños máis camiñando, recollendo lixo e disparando. Non semella que deixara moita pegada nas redes e, inda que ten un sistema de micropagos e publicidade opcional, non é preciso pagar un can ou ver máis que un anuncio que sae antes dos créditos. Supoño que a persoa desenvolvedora xaponesa lévao ben, porque hai polo menos outros oitos xogos seus nas tendas móbiles e semella activa na súa páxina, pero a barreira de idioma é bastante impedimento para que poida estar ao tanto da súa vida. Investigarei un pouco máis sobre os seus xogos para coñecela a través deles.
Teño que recoñecer que gocei toda a experiencia porque está ben contida no tempo, é gratis e non ten sona. Se viñera con altas expectativas logo de que todo o mundo falase do emotivo da relación entre os protagonistas, a asombrosa mestura de xéneros ou a diversión do frenético de apañar lixo, pensaría que era todo un gran engano. Xa non digo se tivese que pagar por el. Pero así, tal e como o topei, foi unha aventura curta pero moi amena.